A CIG-Vigo rexeita o traslado da escola infantil Santa Marta ao edificio do Instituto Municipal de Educación
A federación de Ensino da CIG de Vigo amosou hoxe a súa preocupación polo anuncio do alcalde de Vigo sobre o traslado da escola de educación infantil Santa Marta ao edificio do Instituto Municipal de Educación (IME). Dende a central sindical reclaman o mantemento da escola na súa actual ubicación, ao tempo que consideran que non se pode forzar o traslado urxente do Centro de Formación e Recursos da Consellaría de Educación, que se localiza no IME dende hai 30 anos.
Na CIG-Ensino rexeitan a nova proposta da Alcaldía de Vigo para reubicar a escola de educación infantil Santa Marta, cuxo edificio pretende derrubar con urxencia o Concello. O edificio do IME, situado no camiño do Chouzo, alberga o propio Instituto Municipal de Educación, a sede de FOANPAS e o Centro de Formación e Recursos da Consellaría de Educación.
Non se pode forzar o Centro de Formación e Recursos a un traslado urxente
Dende a central sindical lembran que o Centro de Formación e Recursos ofrece un servizo imprescindíbel dende hai 30 anos a todos os centros educativos do sur da provincia de Pontevedra e ao seu profesorado: organiza accións e proxectos de formación e innovación permanente, facilita todo tipo de recursos e alberga unha biblioteca especializada en educación. “Non se pode forzar tal servizo a un traslado urxente”, sosteñen.
Ao mesmo tempo, sinalan que nin a CIG-Ensino nin o Consello Escolar Municipal recibiron información que fundamente a urxencia do derrubamento e traslado da escola infantil. “Non se deu a coñecer ningún informe técnico nin se comunicaron prazos das intervencións que afectarían ao edificio da escola, nin houbo problema durante os traballos xa efectuados no barrio do Cura”.
Por todo isto, instan o Concello a asegurar a continuidade da escola infantil Santa Marta na súa actual ubicación e o mantemento do seu ciclo de 0-3 anos completo.