A CIG-Ensino de Vigo rexeita o derrubamento do edificio da escola infantil Santa Marta por parte do Concello
A federación de Ensino da CIG de Vigo amosou o seu rexeitamento á intención do Concello de Vigo de derrubar o edificio da escola infantil Santa Marta e comparte a preocupación do persoal do centro polos seus postos de traballo. Na central sindical lembran que a cidade é deficitaria en prazas de educación infantil de 0 a 3 anos.
A CIG-Ensino sinala que esta escola infantil fica fóra da intervención de urbanización do Barrio do Cura e do controvertido túnel da Porta do Sol. Porén, o Concello alega que o edificio é un estorbo para a esta actuación urbanística, polo que xestiona o traslado da escola a un centro escolar próximo. “Así o acabou manifestando o concelleiro de Educación ante as preguntas tanto de FOANPAS como da CIG-Ensino no pleno do Consello Escolar Municipal do 10 de febreiro”.
A reubicación non ofrece ningunha garantía á escola, nin ás once traballadoras, nin ás familias
Con todo, o concelleiro non foi quen de comunicar ao Consello que se pretende trasladar as dúas aulas de 1 e 2 anos e eliminar a de 0 anos, reducindo o servizo e pondo en perigo a continuidade da escola. “Unha vez máis, a educación non é a prioridade”.
Dende a central sindical explican que o suposto novo emprazamento conta con dous centros da Consellaría de Educación, un deles con espazo insuficiente. “Todo isto complica unha alternativa de reubicación que non ofrece ningunha garantía á escola, nin ás once traballadoras, nin ás familias, ademais de coutar as posibilidades futuras da cidade”.
Finalmente, inciden en que a escola é máis necesaria ca nunca, polo que entenden que o Concello debera prever a súa ampliación, “pois a urbanización residencial proxectada fará aumentar tanto a necesidade de prazas infantís como a superficie pública na contorna”.