A CIG-Ensino esixe actuacións urxentes e que se teñan en conta as necesidades educativas no ensino público de Ferrolterra

Denuncia a inacción da Consellaría e da inspección malia os compromisos adquiridos
Ferrol - 19 Feb 2025

A CIG-Ensino de Ferrolterra compareceu en rolda de prensa trasladar o malestar que está a sentir o profesorado e, en consecuencia, o alumnado durante estes últimos anos debido aos recortes de persoal: ausencia de accións ante promesas feitas e ausencia de medidas fronte a situacións laborais inxustas. Aínda que o abandono por parte da Consellaría é xeneralizado, a central destaca a non dotación de prazas para dar estabilidade aos cadros de persoal, a falta de investimentos nos centros ou a situación irregular que se está a dar no IES de Mugardos.

A respecto da dotación de prazas,  a secretaria comarcal da CIG-Ensino, Andrea Martíns, sinala que “é imprescindíbel que non se amorticen as prazas provenientes de xubilacións e que se teñan en conta as peticións feitas desde os centros educativos, pois estas están elaboradas baixo unha perspectiva pedagóxica e tendo en conta a premisa da calidade educativa”.

Neste sentido,  engade, “pódense referir moitos casos, mais destacamos o do IES Catabois, no que ningunha das solicitudes foi aceptada por inspección, provocando que un centro cunhas necesidades educativas importantes merme o número de profesorado estábel, se reduzan e incluso desaparezan departamentos – afectando isto tamén á oferta de materias-“.

Sen investimentos reais para mellorar os centros

Andrea Martíns informou que “ante a promisión feita por parte do Concello e a Consellaría de Educación a finais do 2023 na que confirmaron que destinarían arredor de 7 millóns de euros nos IES e CIFP de Ferrol, os centros non viron materializadas ditas obras relacionadas coa mellora de pavillóns ou edificios centrais”.

Dentro dos centros educativos receptores, estaban o IES Sofía Casanova, IES Carballo Calero o IES Concepción Arenal e IES Ferrol Vello. Neste último o alumando segue a ter que desprazarse até A Malata para poder recibir aulas de Educación Física e neste curso o centro tivo que adiantar máis de 12.000€ para poder costear o bus que fai as viaxes.

Clases de 50 minutos no IES de Mugardos

Na comparecencia tamén se criticou a "inanición por parte de inspección" ante a situación irregular que se está a dar no IES de Mugardos. Neste instituto, ao contrario do resto de IES nos que se imparte FP, están a impartir aulas de 60 minutos no canto de 50.  A situación agrávase cando “inspección educativa, xefatura territorial e incluso a Consellaría na propia mesa sectorial docente tivo coñecemento desta situación da man da CIG-Ensino”, comenta a responsábel comarcal.

Con todo, desde a administración non se deu solución a esta situación e optouse por non facer nada para que o tempo continuase a pasar. Como se adoita dicir, “non hai maior desprezo que non dar aprecio”.

Non se fixeron desdobres

Xunto a isto, denunciou que a falta de melloras reais nas condicións laborais do profesorado nos CEIP "é palpábel" xa que, en moitos casos, non se deron os desdobres que se prometeu a través do acordo sindical do ano 2023. A realidade é que as necesidades educativas especiais non se están a atender como deberían, xa que, como explica “de pouco vale asinar un acordo que non aumente o cadro de persoal dos centros”.

Todas estas demandas foron reclamadas pola CIG-Ensino alí onde ten representación "e continuaremos a facer públicas aquelas situacións que afecten negativamente ao ensino público da comarca".


Usamos cookies para mellorar a túa experiencia de navegación e uso. Consulta a nosa política de cookies e a nosa política de protección de datos.
Preme en aceptar para confirmar que aceptas a información presentada e pechar este cadro.