A CIG-Ensino critica a falta de diálogo na conversión dos IES en CIFPs na xuntanza do Consello Galego de FP
A CIG-Ensino reiterou na reunión do Consello Galego de FP celebrado onte, a súa posición histórica contraria á existencia dos Centros Integrados de Formación Profesional, tal e como foron concibidos pola administración educativa, primando unha estrutura piramidal e cunha enorme sobrecarga burocrática. “Desde sempre criticamos que un centro educativo funcione como unha empresa e foi tamén histórica a campaña de rexeitamento que lideramos no pasado fronte á normativa que os regula”, sinalou o representante da CIG, Xosé Nogueira que engadiu que “os motivos da nosa oposición son máis que coñecidos”.
Entre eles lembrou a oposición á estrutura xerárquica, antidemocrática e discrecional, sen someter a elección da persoa que ocupa o posto de dirección ao claustro nin o seu mandato a un límite de tempo, así como as posteriores decisións que se tomen ao respecto dos cargos de coordinacións internos.
Xunto a isto rexeitou a introdución da privatización en practicamente todos os aspectos do seu funcionamento (licitacións e subcontratas), nomeadamente no que ten a ver coa empresa, porque “podemos falar practicamente de monopolio e de cuxa contratación a Consellaría debería dar detalles”, que leva as auditorías externas, usurpando as funcións que debera facer o funcionariado público da inspección educativa.
Ademais considerou abafante o incremento de carga burocrática inútil que coarta a liberdade de cátedra, a creatividade, o traballo por proxectos e todo o que se considera actualmente innovación pedagóxica.
Rexeitou a discriminación horaria con respecto aos IES, co que leva aparellado no incremento semanal de horas lectivas, no número de módulos a impartir e nunha redución horaria insuficiente para as coordinacións. O mantemento das 20 horas lectivas, xunto con Madrid en todo o Estado, agudiza aínda máis as peores condicións laborais que sofre o profesorado destes centros.
Crecente malestar
Afirmou que a Consellaría é consciente deste malestar do persoal docente mais nunha fuxida cara adiante mente e manipula para venderlles as bondades deste sistema aos centros aludindo no propio anteproxecto a cuestións que perfectamente se poden realizar nos IES, como xa está a acontecer nestes intres en Galiza, como a acreditación de competencias ou a formación para persoas desempregadas (ou acaso o IES Montecelo e o IES Vilamarín non viñan realizando xa este tipo de tarefas?).
“Cónstannos que mesmo se lle dixo aos centros afectados por esta transformación que ían ter máis ciclos e novas modalidades de impartición por este cambio. Só fai falta botar unha ollada á oferta presentada para ver como isto non se sostén, e mesmo se incrementa nos IES porque a maior parte dos CIFPs non teñen máis capacidade de crecemento. E, con respecto ás modalidades de impartición, a nova Lei Orgánica de FP e o proxecto de RD que a regula, pendente de aprobar, fala claramente dos graos A, B, C, D e E da Formación Profesional. Non vai ser desde logo un condicionante ser CIFP para poder ofertar estas modalidades, senón máis ben un imperativo para a maioría de centros que impartan estas ensinanzas”, explicou.
En canto ás formas a CIG criticou que a conversión destes tres IES en CIFP se fixera con absoluta falta de transparencia, usando nalgúns casos ás persoas á fronte das direccións como cargos de confianza da Xunta para ocultar unha información que non lle foi transmitida ao profesorado até o 8 de xuño, e sen ter en conta posteriormente a súa opinión.
Neste sentido, por parte do IES Audiovisual de Vigo hai unha posición maioritaria do seu persoal docente contraria a esta conversión, expresada historicamente en moitos pronunciamentos e acordos de claustro nos últimos anos, polo que pedimos expresamente que se teña en conta este posicionamento e se retire do Anteproxecto a súa conversión.
“A Consellaría é plenamente coñecedora desta oposición porque se lle remitiu un documento asinado pola maior parte do profesorado afectado, que tamén nos foi enviado a esta organización sindical, amosando con argumentos sólidos os motivos que a sustentan. Así mesmo, é curioso que este sexa o único dos tres IES que non foi visitado polo conselleiro e a directora xeral para facerse a foto de rigor despois do anuncio simultáneo do presidente Rueda e nos claustros extraordinarios convocados para este fin”, comentou Xosé Nogueira.
A este respecto, a directora xeral dixo que non recibira ningún documento de oposición por parte do claustro deste instituto e pediu que se lle fixera chegar, aínda que insistiu en que posibelmente se tratase dunha parte minoritaria do mesmo. Segundo o escrito recibido pola CIG-Ensino este posicionamento contrario foi referendado por 19 dun total de 30 docentes que o compoñen.