A CIG-Ensino convoca asembleas co profesorado diante da desinformación xerada coas oposicións

A segunda terá lugar este mércores 19 en Pontevedra ás 18:30 horas
Nacional - 19 Xan 2022

A CIG-Ensino está a celebrar asembleas informativas abertas a todo o profesorado do país “diante da desinformación que se está a xerar coas oposicións”. A segunda delas -tras a celebrada onte en Lugo- terá lugar hoxe mércores 19 de xaneiro no local sindical en Pontevedra ás 18:30 horas e contará coa intervención de Suso Bermello, secretario nacional da CIG-Ensino, presente tanto na Mesa Sectorial do Estado para a negociación do Real Decreto como na Mesa Sectorial Galega.

Dende a central sindical sinalan que “na reunión de negociación da OPE e de reparto de especialidades denunciamos que non se abra simultaneamente a negociación dos criterios para as prazas que deberan saír co sistema excepcional de concurso de méritos e aquelas que se deben ofertar para o concurso oposición extraordinario.” A CIG-Ensino considera que non é lóxico que a Consellaría tente evitar que as persoas opositoras teñan unha imaxe xeral e conxunta de todos os procesos que se terán que convocar este ano. 

Para asistir ás asembleas é preciso inscribirse previamente na páxina web da CIG-Ensino

Neste senso, lembran que “ambas OPE deben estar aprobadas en xuño do 2022 e convocadas antes de final de ano” pero “que a Consellaría pretenda negociar tanto cifras globais como reparto por especialidades sen coñecer como vai ser a oferta do concurso excepcional é facer trampas”.

Por iso, e tendo en conta a imposibilidade de poder avaliar con rigor os efectos desta OPE sobre o actual profesorado interino ao contar con todos os datos, a CIG-Ensino non deu o seu apoio á OPE.

Para asistir a estas asembleas é preciso inscribirse previamente na páxina web da CIG-Ensino (www.cig-ensino.gal), facer uso da máscara e manter a distancia de seguridade.