A CIG-Ensino recorre a discriminación salarial nos programas universitarios Margarita Salas e María Zambrano
A federación de Ensino da CIG decidiu recorrer a discriminación salarial que padece o persoal investigador predoutoral e postdoutoral dos programas Margarita Salas e María Zambrano, e xa lle remitiu dous escritos á Comisión Paritaria do Convenio Colectivo de PDI, requisito previo á interposición de conflitos colectivos.
Dende a central sindical explican que dous meses despois de que ningún dos tres equipos reitorais das universidades públicas galegas deran resposta a un escrito remitido pola CIG-Ensino demandando o pago das subas salariais de 2022 e 2023 ao persoal investigador predoutoral e posdoutoral, o sindicato dá un paso adiante e promove que a Comisión Paritaria emita ditames sobre dous temas que afectan ao persoal contratado con cargo a programas de recursos humanos nas tres entidades.
A central sindical apela a unha avinza na Comisión Paritaria que evite unha nova xudicialización nas relacións laborais do PDI, xa que o II Convenio Colectivo do PDI Laboral indica no seu artigo 9 que é preceptivo que a Comisión Paritaria coñeza, con carácter previo, calquera conflito colectivo que se suscite no ámbito do convenio.
A CIG-Ensino quere evitar a xudicialización de dous temas que o sindicato considera que deberan ter solución pola vía do pacto. Con todo, o sindicato avanza que acudirá á vía xudicial no caso de non existir acordo, “tendo en conta que as universidades deben aplicarlle a exigua suba salarial a todo o persoal vinculado ao Convenio Colectivo de PDI Laboral”.
Neste senso, sinalan que a suba salarial que percibiron todos/as os empregados/as públicos/as correspondente ao ano 2022 (3,5% contando a suba do 1,5% de finais de ano) máis o 2,5% deste 2023, ten que aplicárselle a todas as categorías laborais do PDI.
“Se xa é unha vergoña que se aplique unha suba que provoca que sigamos a perder poder adquisitivo, está totalmente fóra de lugar e da legalidade que unhas administracións públicas, como son as universidades, non lla apliquen a figuras como o persoal investigador predoutoral e posdoutoral”.
Mesma suba salarial
Na CIG-Ensino inciden en que o argumento ofrecido polas universidades de que reciben fondos específicos para pagar eses salarios e que non os van ampliar con fondos propios foi desmontado xudicialmente polo Tribunal Supremo, que indica especificamente que, con independencia da procedencia do financiamento, todo o persoal do sector público está afectado polas subas salariais que se aproben nos orzamentos do Estado.
O desfase entre a escalada de prezos e as retribucións afecta a todo o persoal, pero máis a quen ten contratos máis precarios ou está ao comezo da súa carreira profesional
“O desfase entre a escalada de prezos e as nosas retribucións afecta a todo o persoal, máis como é obvio ten unha especial incidencia naquelas figuras contractuais máis precarias ou que están ao comezo da súa carreira profesional”.
Segundo denuncian, as tres universidades galegas vulneran a lei ao detraer a cota patronal das retribucións do persoal Margarita Salas e María Zambrano. Por iso o segundo conflito colectivo que promoverá o sindicato maioritario no conxunto das universidades galegas está relacionado coa decisión destas de reducir os salarios das persoas que foron seleccionadas como persoal investigador dos programas Margarita Salas e María Zambrano.
Esta decisión implica para o persoal investigador unha redución importante das contías brutas que figuran no Real Decreto 289/2021 do Ministerio de Universidades polo que se crearon estas axudas, “ao se veren obrigadas a pagar unha cota que lle corresponde a cada universidade como entidades empregadoras que son”.
A maioría das universidades do Estado tomaron a mesma decisión que as galegas e só catro asumen neste momento o gasto da cota patronal. En consecuencia, a CIG-Ensino solicita unha rectificación que evite un novo xuízo e que sitúe ás institucións galegas entre as primeiras en dar marcha atrás e pagar como corresponde a este persoal.