A CIG-Ensino considera insuficientes os avances da nova Lei de ensinanzas artísticas
O texto da nova Lei de ensinanzas artísticas superiores, que veu a luz verde no Congreso a pasada semana, mellora algúns aspectos relacionados coas competencias das comunidades autónomas e cos requisitos de integración nos novos corpos docentes que a Lei crea. Con todo, queda moi lonxe das demandas que a CIG-Ensino defendeu na única reunión da Mesa Docente estatal e que o sindicato trasladou, na fase de presentación de emendas na comisión de educación do Congreso.
Preocupación polo futuro das Escolas de Artes e Superiores de Deseño
Un dos temas máis controvertidos do texto aprobado no Congreso, e que o Goberno se negou a pactar, é a decisión de que as administracións educativas “promoverán a progresiva especialización destes centros” entre as ensinanzas superiores e as profesionais”. Algo que para a CIG-Ensino, e dada a realidade dos catro centros galegos (EASD Pablo Picasso da Coruña, EASD Mestre Mateo de Compostela, EASD Ramón Falcón de Lugo e EASD Antonio Faílde de Ourense) non ten ningún sentido.
Fronte a isto, o sindicato propuxo que esta decisión quedase nas mans das comunidades autónomas, permitindo por tanto que se puidese manter a simultaneidade dos estudos se non existe outra alternativa viábel.
Neste sentido, advirte que se o texto final non ten ningún cambio tras a tramitación no Senado, instará á Consellaría de Educación a manter ambas ensinanzas, profesionais e superiores, mentres non existan garantías absolutas de que non se vai ver afectada a oferta actual. “Non estamos diante dunha cuestión sobre se é mellor ou peor que haxa separación en distintos centros ou simultaneidade, senón de manter unha oferta, tanto no total de ensinanzas como na súa distribución territorial”, subliña.
A nova estrutura de corpos docentes, unha nova mostra de falta de compromiso e implicación co profesorado por parte do Ministerio
Os problemas causados coa tramitación da Lei de FP e os cambios de corpos docentes derivados dela non serviron para que o Ministerio rectificase na súa decisión de impoñer procesos de integración pechados e limitados.
Se ben é certo que na tramitación parlamentaria melloraron algunhas cuestións, mantivéronse algunhas decisións que a CIG-Ensino considera negativas (a oposición a manter un proceso de integración con carácter indefinido no corpo de mestres de taller), preocupantes (as novas atribucións para as direccións propoñeren a contratación de profesorado especialista ou visitante e designar directamente profesorado emérito), e de futuro incerto (a esixencia da titulación de doutoramento para o corpo de cátedras de ensinanzas artísticas superiores polo reducido número de docentes que poderán cumprir un requisito que non ten precedentes nos corpos docentes).
Por último, e no que se refire a prazos, todo queda pendente dun posterior desenvolvemento da Lei, sen fixar data de entrada en vigor dos seus efectos máis importantes. Tras o paso polo Senado, está previsto que se aprobe definitivamente a Lei antes de rematar o mes de maio.
Con detalle, esta é valoración que a CIG-Ensino fai dos cambios introducidos na nova lei na que, sen deixar de recoñecer pequenos cambios en positivo, o sindicato amosa a súa crítica tanto nas formas (ausencia de negociación real no ámbito sindical, cunha única reunión negociadora) como no fondo.
Posición da CIG-Ensino sobre temas fundamentais da nova lei
- Hai cambios que melloran substancialmente o texto do proxecto de lei (ámbito competencial, condicións de integración nos novos corpos, equivalencia das ensinanzas superiores cos estudos universitarios e dos dereitos do seu estudantado…) mais hai cuestións que, tanto desde a realidade do profesorado galego como dos centros que imparten estudos superiores, fan que a lei manteña erros importantes.
- A ordenación do profesorado debería tender a unha estrutura simple e de progresión horizontal. Crear novos corpos non é a solución senón que, tal e como se formula, pode ser unha nova fonte de problemas.
- A creación dun corpo de cátedras para impartir docencia nos estudos profesionais vai implicar unha mellora retributiva importante mais limitada a pouco profesorado, como acontece nos IES ou EOI (máximo dun 30%). O lóxico sería unha carreira profesional que permitira chegar ao máximo nivel a todo o profesorado ao longo da súa vida laboral.
- A esixencia dunha titulación de doutoramento a quen xa forma parte do corpo de cátedras non ten sentido, máxime cando se recoñecen os mesmos dereitos a quen non se integre.
- De cara ao futuro, o requisito de doutoramento pode reducir dun xeito importante a posibilidade de acceso ao corpo de cátedras por oposición desde o corpo de profesorado.
- Tendo en conta que existirán as mesmas especialidades no corpo de cátedras e no de profesorado seguramente as listaxes actuais de persoal interino de cátedras nos CMUS superiores (únicas listaxes de interinidades neste corpo) pasarán ao corpo de profesorado (único polo que se pode ingresar).
- A integración nos novos corpos, para a CIG-Ensino, debería ser automática e sen novas exixencias, sen deixar ninguén atrás.
- Malia que se atendeu parcialmente á demanda do sindicato de facilitar a integración no corpo de profesorado de ensinanzas artísticas superiores (a proposta inicial era que se tivese traballado nos últimos cinco anos e agora fíxase cinco cursos, con independencia de cando fosen) aínda queda lonxe da nosa proposta de non superar os dous anos de exixencia.
- A CIG-Ensino opúxose tamén á limitación temporal para que as mestras e mestres de taller poidan acadar a titulación de Grao para se integraren no corpo de profesorado de estudos artísticos profesionais ou que non se regulase o dereito ao cobro dun complemento de equiparación: repítese o erro cometido co profesorado do corpo de PTFP: a CIG-Ensino defendeu un prazo indefinido e o dereito a licenzas por estudo para poder obter a titulación requirida.
- Acceso a calquera posto de traballo no sector público debe fundamentarse en convocatorias nas que prime a publicidade, o mérito e a capacidade, baixo o control sindical e a negociación nas mesas respectivas, e o papel que se lle dá ás direccións dos centros para propoñer nomeamentos de profesorado especialista ou visitante pode romper con eses principios.
- A CIG-Ensino amósase contraria á figura de profesorado visitante: é unha porta aberta a traer profesorado durante un ou dous cursos, cun contrato laboral, reducindo a carga lectiva de profesorado do centro, o que podería implicar a perda de postos de traballo.
- Discrepa tamén coa figura de profesorado emérito para docentes xubilados polo mesmo motivo da súa repercusión na perda de postos de traballo e porque considera que a posibilidade de prolongar a vida laboral até os 70 anos xa é excesivo.
- Na elección da dirección dos centros debería regularse a presenza mínima que terá o profesorado na comisión de selección, que debe ser maioritaria. No texto só se garante a maioría da comunidade educativa.
- Considera un erro a pretensión de que se promova que os centros que imparten simultaneamente ensinanzas artísticas superiores e profesionais (en Galiza todas as EASD) tendan a especializarse nunhas ou outras ensinanzas. Deben garantirse tanto a impartición de títulos de Grao como de ciclos formativos. Só no caso de que existise unha alternativa clara e con futuro para as titulacións profesionais podería ter sentido esa especialización.
- Calendario de aplicación de todos os cambios queda sen concreción. Será o Goberno estatal, unha vez consultadas as comunidades autónomas, o que aprobe un Real Decreto co regulamento de integración nos novos corpos, sen fixar datas concretas para que sexa efectiva.