A CIG-Ensino consegue que Educación rectifique e incorpore á negociación a recuperación do horario lectivo
“Despois da farsa comeza a negociación”, afirma a CIG-Ensino, que conseguiu que, na mesa sectorial celebrada esta mañá, a consellaría rectificara grazas á presión do sindicato e decidirá incorporar a recuperación do horario lectivo. Fronte a isto, o sindicato afea ao resto de organizacións sindicais que entraran a facer “comerntarios de texto” do documento presentado pola consellaría. Deste xeito, a negociación comeza oficlamente o vindeiro venres.
A CIG-Ensino, sindicato maioritario na mesa sectorial, mantívose firme e coherente coa súa posición desde o inicio desta farsa negociadora e anunciou que só presentaría a súa proposta na Mesa Sectorial se se incluía o tema do horario lectivo. Durante a reunión de hoxe non se produciu ningún tipo de avance nin proposta no camiño que lle fixou a CIG-Ensino. Ao remate da reunión, a Consellaría anunciou que presentará un novo texto o venres 6 indicando mínimos cambios nalgún dos apartados do texto actual máis cedendo na súa pretensión inicial de non introducir o horario lectivo na negociación.
Nesa intervención final os responsábeis da Consellaría afirmaron literalmente que a proposta de modificación da carga horaria sería “mínima e só para o corpo de mestras”. A CIG-Ensino mantén a súa posición de que a recuperación deste dereito “con carácter xeral e para todo o profesorado” é a cuestión central desta negociación e non apoiará ningunha proposta que non supoña respectar este principio básico. Mantendo a súa coherencia non presentou a súa contraproposta pero faina pública para que todo o profesorado poida contrastar que é asumíbel, razoábel e xusta, sobre todo despois de que pasaran 14 anos da perpetración destes recortes no corpo de mestras e 12 no de secundaria.
A maiores do que vaian introducir ao respecto do horario, a Consellaría xa limitou os cambios que pretende incluír o venres e que se cinguen a unha mínima redución de ratios en secundaria, aínda que xa amosaron as súas reticencias a este respecto, a revisar como computaría dentro das ratios dunha aula alumnado con diversidade funcional ou con outro tipo de necesidades e o apartado de retribucións.
A continuación resúmense os mínimos cambios que hoxe trouxo á Mesa Sectorial o departamento de Educación.
NOVO DOCUMENTO NA “NEGOCIACIÓN” DE MELLORA DE CONDICIÓNS LABORAIS
HORARIO LECTIVO
A Consellaría non introduciu na proposta de acordo presentada hoxe NADA sobre a RECUPERACIÓN do horario lectivo do profesorado. Polo tanto, o profesorado seguiría nas 20 e 25 horas lectivas actuais.
RATIOS
- Mantense a proposta con efectos exclusivos para Infantil e Primaria, deixando fóra todas as demais etapas educativas.
- Unicamente cambia a implantación da redución da ratio en Infantil, comezando con 20 por aula no 2024/25 e reducindo 1 ano a aplicación tanto nesta etapa como en primaria pasando de 10 a 9 anos o calendario de implantación. É dicir, non se faría plenamente efectiva até o curso 32/33.
- Incorpórase a non supresión de unidades durante o período de aplicación se a ratio é de 20.
- Só se incorpora que o alumnado con discapacidade recoñecida igual ou superior ao 33% computará como dous, desvinculando esta mellora das diferentes tipoloxías que non teñen recoñecida esa porcentaxe legal de discapacidade.
- Ausencia absoluta de referencia á redución de ratios nas outras etapas educativas.
RETRIBUCIÓNS
- Soben 10€ en tres anos o incremento polo desempeño de órganos unipersoais de goberno e inspección, pasando a 55€.
- Incorporan un incremento do 10% con efectos de xaneiro de 2025 no complemento por función titorial e outras funcións docentes, o que implica un aumento de 5€ ao mes.
OUTRAS MEDIDAS
- Crearán un GRUPO DE TRABALLO para elaborar un plan de redución da burocracia, que xa foi anunciado hai un mes polo conselleiro de Educación, polo que non é máis que repetir xa unha promesa incumprida.
- Regularán as licenzas de formación NON retribuídas a partir do 2024.