
A CIG-Ensino chama ao profesorado a mobilizarse contra os recortes, a privatización e a censura

A CIG-Ensino lanzou mañá, en rolda de prensa, unha convocatoria de mobilización contra ás políticas educativas do PP baixo o lema “Profesorado en loita”, que terá lugar o vindeiro mércores día 25 de xuño, ás 12:00 horas en San Caetano. Así o anunciou a secretaria nacional, Laura Arroxo, que fixo un chamamento ao profesorado a protestar contra os recortes, a privatización e a censura.
A nova campaña da CIG-Ensino pivota, segundo explicou Arroxo, sobre tres cuestións esenciais, “rectificar, recuperar e recoñecer” e vai dirixida, por unha banda, á Xunta de Galiza e, pola outra, á minoría sindical que pactou “un pésimo acordo en plena precampaña electoral co daquela candidato Alfonso Rueda”.
Segundo explicou a recén elixida secretaria nacional da organización maioritaria no ensino público, Laura Arroxo, esta combinación de palabras ten un significado moi claro. “Primeiro a Consellaría debe rectificar e reabrir unha nova negociación na que se respecte o sentir maioritario da representación docente e na que se incorporen melloras reais para todas as etapas e niveis educativos”, dixo.
En segundo lugar, subliñou que “o profesorado galego merece recuperar todos e cada un dos dereitos roubados tras os sucesivos recortes desde 2009, nomeadamente o horario lectivo, até este mesmo mes, no que Rueda segue aplicando a tesoira”.

Frear a burocracia
Por último, considerou que a consellaría “debe recoñecer a función docente favorecendo as tarefas propiamente didácticas, freando a burocracia, reducindo as ratios e garantindo medios para atender á diversidade, todas elas demandas unánimes dun sector profesional cada vez máis queimado e menos recoñecido pola administración educativa”.
Tal e como lembrou Arroxo, esta rectificación non só lle compete á Consellaría senón tamén aos sindicatos que “traizoaron” a vontade do persoal docente asinando un acordo que se amosou como “nefasto” e que, nun principio, “hipoteca a varios anos vista calquera posibilidade de nova negociación”.
Que se descolguen do acordo
Por iso instou ás tres organizacións minoritarias a que “recapaciten e se descolguen do asinado”, a única forma “de recuperar a unidade de acción fronte ás políticas da Xunta”. Neste sentido fixo un breve repaso por como está a situación un ano e medio despois da súa publicación no DOG para evidenciar que “este acordo non lle vale a ninguén”.
Respecto de Infantil e Primaria a secretaria nacional de CIG-Ensino denunciou que “todo canto prometía quedou en terra baldía”. Nese sentido, explicou que, agás a baixada ás 23 horas lectivas, sen ningún tipo de reforzo de persoal, como acontecera co incremento en 1.000 mestres e mestras a partir do acordo de 2007, “durante este curso constatouse que non se cumpriu o cómputo como dobre ou triplo do alumnado con NEAE á hora de desdobrar unha aula, nin tampouco se está a aplicar o pactado con respecto ás ratios (non incrementar aquelas que no momento da sinatura tiñan entre 20 e 25 estudantes), nin se enviou todo o profesorado de apoio necesario, nin se produciu a baixada de ratios nas aulas mixtas”.
Xunto a isto lembrou que tal e como denunciou a CIG-Ensino, nestes intres “hai profesorado especialista na atención á diversidade itinerando entre tres centros, a práctica totalidade dos contratos do Plan Mega son a medio xornada, hai prazas insuficientes de atención domiciliara e hospitalaria, neste caso tamén en Secundaria”.
Canto á Secundaria, Arroxo explicou que o persoal destas ensinanzas está “totalmente desafiuzado” por parte da Consellaría. Segue mantendo o horario lectivo semanal máis alto do Estado, despois de que todas as comunidades, algunhas desde hai máis de 5 cursos, foran recuperando as 18 horas lectivas que sempre tiveron nesta etapa. Seguen superándose os 200 estudantes por docente nalgúns casos e sobre todo non hai ningunha medida que permita aliviar a complexidade que ten a atención á diversidade nesta etapa, na que cada vez hai maiores diagnósticos, trastornos, alumnado migrante ou diversidade en xeral.
A situación non está mellor na Formación Profesional, onde a secretaria nacional da CIG-Ensino considerou que “a privatización e o servizo ás empresas por riba de todo”. Así lembrou que se acaba de constatar no anuncio do propio Rueda este luns que á Xunta “sóbralle o profesorado de FP e pretende substituílo contratando profesionais das empresas”.
Denunciou, canda isto, que é nesta etapa onde “a burocratización se eleva ao máximo nivel”, outra das medidas, a suposta simplificación destas tarefas contempladas no acordo nas que “non se produciu ningún avance e mesmo estas se viron incrementadas”.
Do mesmo xeito, no referido ao profesorado de ensinanzas de réxime especial, constátase, como na FP, unha maior oferta privada competindo coa pública, “deixando en mans de entidades certificadoras privadas a acreditación do nivel de idiomas estranxeiros de profesorado e alumnado nas EOIs e tamén unha excesiva burocratización nas ensinanzas artísticas”, apuntou.
“Insaciábel” política de recortes
Pero non só o balance do acordo deixa un panorama desolador. Arroxo incidiu en que “o PP é insaciábel na súa política de recortes e ao longo deste curso non parou de demostralo sen respectar a elección democrática da representación do profesorado”.
Así indicou que “algunhas medidas pasaron pola Mesa Sectorial e malia contar coa oposición neste caso de todas as organizacións sindicais continuaron adiante”. Entre outras apuntou que o adianto do curso académico ao 8 de setembro vai facer inviábel que, en tan só 5 días, se poida preparar todo: organización de grupos, horarios, programacións xerais de centros, programacións didácticas de profesorado, preparación de clases de novas materias e módulos, entre outras.
A isto engadiu a negativa a convocar as prazas de atención preferente para alumnado que precisa de especialistas en Pedagoxía Terapéutica ou Audición e Linguaxe a tempo completo; a eliminación das licenzas por formación retribuídas ou o incumprimento da normativa a respecto da aprobación do Plan de igualdade, que un ano despois non ten avanzado un diagnóstico das desigualdades de xénero existentes dentro da administración educativa nin iniciada a redacción do protocolo contra o acoso sexual.
Cuestións ás que sumou a desvalorización da profesión docente diante do conxunto da sociedade e “o intento de control e censura ideolóxica nas actividades complementarias nun borrador de instrucións que lle foi presentado a todo o mundo, onte mesmo á FEGAMP, agás ás organizacións sindicais”.
O Rueda “máis reaccionario”
Arroxo engadiu que “estamos pois ante un goberno do PP, liderado por Rueda máis reaccionario aínda que o de Feijóo, algo que considerabamos imposíbel, e que está continuamente lanzando a mensaxe de que nos pode apertar até que nos afogue. É por iso que o profesorado ten que dicir NON e polo que consideramos fundamental a asistencia á concentración que terá lugar diante da Xunta o vindeiro 25 de xuño ás 12 horas”.
Á vez avanzou que “unha resposta que reflicta este profundo malestar serviría de detonante para levar a cabo mobilizacións máis contundentes que nestes intres non descartamos de cara ao vindeiros curso”. “Xogan co noso cansazo, con que chegamos coa lingua fóra a fin de curso e sen forzas pero son moitos os motivos polos que cómpre reaxir para que como di esta campaña rectifique dunha vez para poder recuperar e avanzar en dereitos e se nos recoñeza o valor social da nosa profesión”, sentenciou.