A CIG-Ensino chama a unir todas as demandas de todas as etapas educativas na folga deste xoves 25 de setembro
A CIG-Ensino ten convocada folga xeral no ensino público non universitario para este xoves 25 de setembro contra a política de recortes e de propaganda da Xunta de Galiza. Con esta folga reivindícase a recuperación de dereitos (nomeadamente o horario lectivo recortado desde os anos 2011 e 2012, nos que se subiron a 25 horas en infantil e primaria e a 18 no resto de ensinanzas) e avanzar noutros relativos á redución de ratios en todas as etapas, incrementar o persoal para atender a diversidade, a eliminación da burocracia inútil e o recoñecemento salarial e profesional que merece o traballo docente. Ademais, a CIG-Ensino tamén esixe poder traballar en liberdade, sen censuras nin imposicións por parte da Consellaría de Educación.
Alén do paro laboral está convocada unha manifestación que sairá ás 12 horas da Praza de Cervantes en dirección á Consellaría de Educación onde rematará coa lectura dun manifesto baixo o lema "Recuperar e Avanzar en Dereitos. Ensino público galego con futuro".
O curso arrancou con numerosas incidencias
A CIG-Ensino lembra que o curso arrancou con numerosas incidencias en todas as etapa educativas. Nos primeiros días afloraron centos de protestas en centros de educación infantil e primaria, fundamentalmente pola falta de profesorado e de especialistas para atender a diversidade e pola non autorización de desdobres. En Secundaria e Bacharelato repítese a mesma sobrecarga de traballo e de ratios avultadas por docente despois de moitos anos de recorte dos cupos e de amortización de xubilacións.
E en FP o caos da implantación da reforma fixo inviábel empezar as clases con normalidade, con erros na aplicación Proens, módulos novos sen currículos nin recursos didácticos, goteo de novas matrículas até o día 26 e a imposibilidade de adaptar a planificación da formación en empresa. A maiores, o comezo de curso sempre se caracteriza por burocracia infinita, o que se une a novas realidades como o incremento das medias xornadas até xuño ou agosto, precarizando aínda máis o persoal substituto.
O malestar polos recortes e a propaganda obscena da Consellaría tivo unha primeira resposta o pasado 13 de setembro cunha manifestación en Compostela á que acudiu fundamentalmente profesorado pero tamén familias e alumnado.
A CIG-Ensino é o sindicato maioritario pero considera que a auténtica representatividade tena o profesorado e que “é hora de visibilizar conxuntamente todos e cada un dos conflitos que se dan de forma atomizada nos centros e unir todas as reivindicacións dos distintos colectivos. A estratexia da administración é dividir. A da CIG xuntar"
Por iso, engaden, "coa forza de todos e todas pódese conseguir recuperar o horario, reducir ratios, eliminar burocracia, aumentar o persoal, sobre todo para atender a diversidade, cobrar dignamente e traballar en liberdade. Para iso é fundamental secundar a folga do día 25 e participar na manifestación en Santiago desde a Praza de Cervantes ata a Consellaría en San Caetano. É unha cuestión de dereitos pero tamén de dignidade”, explican desde a súa executiva federal.