A CIG-Ensino chama a participar na protesta convocada en Vigo contra os recortes no ensino público
A CIG-Ensino fai un chamamento á comunidade educativa e ao conxunto da cidadanía a participar de xeito masivo na mobilización convocada en Vigo o vindeiro mércores 16 de outubro contra os recortes no ensino e a falta de recursos que padecen os centros públicos da cidade. A manifestación, promovida por FOANPAS e ADICOPUVI, arrincará dende Vía Norte á 19:00 horas e rematará no farol de Urzaiz.
Representantes da Federación Olívica de Asociacións de Nais e Pais (FOANPAS) e da Asociación de Directoras/es dos Colexios Públicos de Vigo (ADICOPUVI) compareceron hoxe en rolda de prensa para trasladar a situación do alumnado con Necesidades Específicas de Apoio Educativo (NEAE) e a falta de recursos que atravesan os centros de ensino público da cidade.
“A gravidade do que está a acontecer obríganos á comunidade educativa a expoñernos publicamente e a mobilizarnos para expoñer o desleixo das administracións que fan desta unha situación insostible”.
Os colectivos consideran que o máis grave, e o que máis afecta á educación das crianzas, é a falta de recursos humanos: faltan docentes e faltan especialistas para atender o alumnado con necesidades específicas de apoio educativo. O profesorado é insuficiente, pero a falta de PT (especialista en Pedagoxía Terapéutica), AL (especialista de Audición e Linguaxe), orientadoras/es e coidadoras/es afecta á calidade do ensino, pero sobre todo, supón unha vulneración de dereitos.
“Consideramos fundamental sensibilizar a cidadanía sobre as necesidades da infancia e a súa atención educativa. Queremos un ensino no que as nosas fillas e os nosos fillos poidan ser, estar, pertencer e progresar, e iso só se acadará en condicións óptimas, cos recursos necesarios e investindo na educación como o motor que é da sociedade”.
Por todo isto, convocan a veciñanza de Vigo a unha manifestación o vindeiro mércores 16 de outubro que sairá dende Vía Norte ás 19:00 horas e rematará no farol de Urzaiz, onde se dará lectura a un comunicado conxunto.