O conselleiro de Educación, seguindo fielmente o libro de estilo do PP, leva facendo de oposición do Ministerio de Educación desde que tomou posesión do cargo. Tamén agora coa aplicación dos novos currículos derivados da LOMLOE. É ben certo que determinadas actuacións do Goberno póñenllo moi doado.
En relación cos cambios curriculares para as etapas educativas afectadas polas novidades da LOMLOE (Infantil, Primaria, ESO e Bacharelato), unha das afirmacións do conselleiro foi a de facer valer o suposto rigor da Consellaría fronte á lentitude ministerial (afirmando que tiñan todo preparado para cando o Ministerio publicase os Reais Decretos). Porén, nestes momentos vén de evidenciar un alto grao de improvisación ou de desidia que como docentes nos preocupa.
Prazos e incertezas
Os currículos de Infantil e Primaria xa foron revisados na Mesa Sectorial, quedando pendente agora o trámite do Consello Escolar no caso de Primaria, previsto para finais de maio, o que implica que deben estar publicados en xuño. Mais os principais cambios céntrase na educación secundaria, obrigatoria e postobrigatoria; de aí que sexa onde é máis importante coñecer cales son as propostas do goberno galego.
O propio conselleiro xa avanzou que dificilmente estarán aprobados os novos decretos das ensinanzas de secundaria, polo que o primeiro que debería ter feito é consensuar co sector, comezando coa representación sindical do profesorado, como vai artellar legalmente a implantanción dos novos currículos se non existen textos legais aprobados. Nada disto se sabe de momento: tan só se pretendeu “tranquilizar” ás direccións dos centros e ao profesorado para poder ir organizando o curso que vén, algo que dista moito da realidade.
A responsabilidade que debe asumir a Consellaría, en entredito
Neste sentido, a marxe de manobra do goberno galego no que garda relación coa distribución de materias, é moi limitado, centrándose basicamente nas decisións sobre as materias optativas.
Chama a atención, por iso, que o conselleiro fixese pública unha presentación de como será esta distribución na que deixa atrás materias postas en marcha nestes últimos anos, cando só precisarían dunha actualización e ampliación pola ampliación de carga lectiva a catro horas, que se limite a oferta das ensinanzas musicais fóra da modalidade propia do Bacharelato ou que non apareza ningunha referencia ás materias que nos currículos en vigor son de libre configuración dos centros. Medidas todas que son plena competencia da administración galega e nas que non buscou o contraste e consenso antes de dalas a coñecer.
Improvisación? Decisións premeditadas de limitar determinadas ofertas educativas? En todo caso, o que vemos é unilateralidade e imposición. A CIG-Ensino chama ao conselleiro de Educación a rectificar e aclarar todas as dúbidas e temores que creou coa súa presentación pública e advirte de que é precisamente naqueles ámbitos nos que o seu departamento ten plena competencia nos que se están acumulando todos os problemas. O sindicato considera que o momento para poñer en común as intencións da administración galega é antes de presentar o anteproxecto do decreto de currículo, polo que insta ao responsábel da Consellaría a ter unha reunión coas organizacións sindicais previa á tramitación do documento. Do contrario, estaremos novamente diante dun exemplo da política de feitos consumados e de aplicar cambios de costas ao profesorado e á comunidade educativa.
A relixión, fóra da escola
A LOMLOE foi unha nova ocasión perdida para vencer a rémora de contar a día de hoxe coa presenza de ensinanzas doutrinais dentro dos centros educativos. O espazo para o feito relixioso debe estar nos templos e vinculados á esfera persoal e familiar. Isto garantiría realmente ese carácter aconfesional que cita a Constitución e abriría o camiño cara un auténtico ensino laico.
A obriga de ofertar a todo o alumnado a materia de Relixión é unha decisión que permanece, dun ou doutro xeito, despois de todas as reformas, sen tocar o concordato co Vaticano, un acordo preconstitucional.
A nova distribución da materia confesional, con todo, vai limitar os efectos perversos provocados pola LOMCE, ao estar incluída xunto con todas as meterias específicas, condicionado en moitos casos a elección doutras materias. Agora, coa existencia dunha materia espello non curricular, Relixión xa non provocará que alumnado se vexa na obriga de elixila para poder cursar materias do seu interese, como pasaba con Robótica ou Coeducación para o século XX, o que levou á CIG-Ensino a dar apoio legal a unha demanda que foi desestimada.