A CIG-Ensino aspira a seguir sendo a voz maioritaria do profesorado galego baixo o lema “Coa túa forza”
A CIG-Ensino aspira a revalidar a confianza maioritaria do profesorado galego do ensino público non universitario nas vindeiras elección sindicais previstas para o 1 de decembro. Baixo o lema “Coa túa forza” o sindicato márcase como obxectivo cando menos repetir os resultados de hai 4 anos nos que acadara un total de 9.157 votos e 60 delegadas. Nestes comicios están chamadas a participar un total de 33.068 docentes, elíxense 146 delegados e delegadas e haberá un total de 874 mesas electorais distribuídas polos centros educativos do país para favorecer ao máximo a participación do profesorado.
Esta mañá presentouse o programa electoral e as candidaturas da CIG-Ensino que están encabezadas polo secretario nacional, Suso Bermello, mestre de Primaria en excedencia e profesor de Xeografía e Historia con destino no IES Agra de Leborís, na Laracha, e cabeza de lista pola provincia da Coruña. Bermello estivo acompañado no acto desta mañá por Laura Arrojo, profesora de Matemáticas con destino no IES Gregorio Fernández, de Sarria, Elena Añel, mestra especialista de PT en excedencia e actualmente con destino como Orientadora Educativa no IES Cosme López da Rúa e Maruxa Martínez, profesora de Bioloxía e Xeoloxía no IES San Tomé de Vigo.
Segundo explicou o propio Bermello “as candidaturas da CIG-Ensino que suman un total de 963 persoas pretenden aglutinar toda a pluralidade existente entre o profesorado, tanto no que ten a ver coa súa especialidade e etapa educativa na que imparte docencia como na súa concepción da profesión docente baixo a premisa común da defensa do ensino público. Como non podía ser doutro xeito para reflectir a realidade dun colectivo claramente feminizado -engadiu- a porcentaxe de mulleres é maior, chegando ao 62% do total (597) fronte ao 38% (366) que son homes.”
Nas candidaturas inclúese persoal docente que traballa desde en unitarias até en escolas infantís, colexios públicos integrados, centros de infantil e primaria, institutos, centros integrados de FP, conservatorios de música, escolas oficiais de idiomas e escolas superiores de arte e deseño. “Procuramos que ningún perfil de profesorado nin de centro quedara ausente das nosas candidaturas co obxectivo de que sexan un reflexo da propia realidade do persoal docente, combinando a experiencia coas novas incorporacións, docentes cunha dilatada carreira profesional e compromiso sindical con funcionariado que se acaba de incorporar ao ensino público neste curso; unha diversidade que tamén se dá no caso do persoal interino e substituto, entre membros dos equipos directivos… buscando que todo o profesorado non só se sinta representado por unhas siglas ás que leva votando maioritariamente desde hai anos senón tamén polos centos de persoas que integran as listas electorais da CIG-Ensino”, engadiu.
Por provincias, as papeletas da CIG-Ensino contarán con 277 persoas na Coruña, 220 en Lugo, 200 en Ourense e 266 en Pontevedra, unhas cifras que gardan relación cos censos electorais en cada provincia: 13.661 docentes na Coruña, 4.263 en Lugo, 3.487 en Ourense e 11.657 en Pontevedra.
A infrarrepresentación sindical nun sistema pensado para reducir a capacidade de actuación do profesorado.
Bermello fixo fincapé nunha lexislación electoral obsoleta para o ámbito docente, con eleccións provinciais que reducen o número de representantes a elixir. Coas normas das eleccións a comités de empresa no sector privado ou mesmo público noutros ámbitos diferentes ao docente, o número de delegados e delegadas a elixir sería moi superior.
Para facerse unha idea da discriminación na representación do profesorado do ensino público hai que pensar que a cifra de 146 persoas que sairán elixidas no ensino público galego é a equivalente ao que se elixe en menos de 20 centros educativos privados. Neste sentido, a CIG-Ensino sempre foi partidaria de eleccións por centros de traballo e non por ámbitos provinciais e, como paso intermedio, pola ampliación de dereitos e de representatividade do funcionariado docente.
Unha ollada rápida ao programa electoral
O secretario nacional da CIG-Ensino lembrou que da representatividade que obteña a CIG-Ensino nestas eleccións vai depender a voz maioritaria que vai defender o profesorado e o ensino público galego nas mesas de negociación do Estado e da Xunta e lembrou como principais obxectivos que se marcan para os vindeiros catro anos os seguintes:
- Frear os recortes de persoal que se produciron nos últimos anos mediante amortización de xubilacións; non atender as demandas de profesorado dos centros, sobre todo para a atención ao alumnado con diversidade; o peche de unidades no rural e o desvío de fondos ao ensino concertado, especialmente no caso dos centros que segregan por xénero.
- A baixada de ratios en todas as etapas educativas, como xa se está a negociar ou a implantar nalgunhas comunidades autónomas. Unha demanda que une a toda a comunidade educativa e que se demostrou durante a pandemia, nos casos nos que se produciron desdobres, que é a mellor garantía dunha atención educativa de calidade.
- A recuperación dos dereitos arrebatados durante o goberno do PP na Xunta, nomeadamente a volta ao horario lectivo de 18 horas en secundaria e 21 en primaria, de forma que se reduzan as itinerancias nas etapas de infantil e primaria e a impartición de materias afíns por profesorado que non é especialista en secundaria, bacharelato e FP. Esta medida suporía ademais a contratación o profesorado que se foi perdendo polos recortes aplicados pola Xunta nos últimos anos.
- Eliminar a burocracia inútil e fomentar a autonomía dos centros e do profesorado á hora de deseñar os contidos e a actividade pedagóxica. Ter en conta a participación do persoal docente na elaboración das normas educativas e negociar un estatuto docente galego que dea resposta ás necesidades do profesorado galego.
- Reforzar un modelo de ensino público, gratuíto, galego, en galego, laico, inclusivo e feminista, no que a Xunta asuma a xestión dos servizos complementarios como o transporte escolar e os comedores e no que se eduque en valores desde unha perspectiva crítica e para a paz, a conservación do medio ambiente, a igualdade, a solidariedade e a xustiza social.
- Poñer no foco do debate público e sindical a saúde de profesorado e alumnado que se viu claramente afectada despois da pandemia.
- Recuperar o poder adquisitivo e garantir uns salarios dignos que fagan fronte ao aumento da carestía da vida dentro dunha estratexia global de reforzo dos servizos públicos que garantan a igualdade social.
- Negociar unha carreira profesional que mellore a situación actual do profesorado no camiño cara un corpo único docente, vencendo as resistencias dos diferentes gobernos, español e galego, a dar cumprimento á histórica demanda de a función docente sexa recoñecida por igual, coa integración de todo o profesorado no subgrupo A1.
- Eliminar a taxa de reposición para que se poidan celebrar amplas ofertas de emprego e ampliar os actuais cadros de persoal e garantir a estabilidade do persoal interino e substituto que leva anos traballando en precario para a administración.
- Reforzar un modelo de formación do profesorado innovador e que se supla as carencias da oferta da Consellaría, adaptándoa ás necesidades de cada colectivo docente.
- Loitar contra a privatización e o incremento dos concertos educativos sobre todo en etapas nas que até o de agora eran insignificantes.
- Derrogar o Decreto de Plurilingüismo e implantar un modelo de normalización do galego no ensino que reverta a actual situación na que este non cumpre a súa función de ser un elemento central para promover a galeguización da sociedade, garantido a plena competencia e o uso do noso idioma entre todo o alumnado. Modificar o sistema de aprendizaxe das linguas estranxeiras que pase por desdobres en grupos reducidos con profesorado especialista e reforzar a presenza do Portugués no ensino.