
A CIG-Ensino aspira a revalidar a maioría nas eleccións sindicais do 1 de decembro
A CIG-Ensino aspira a revalidar a confianza maioritaria do profesorado galego do ensino público non universitario nas vindeiras elección sindicais previstas para o 1 de decembro. Baixo o lema “Coa túa forza” o sindicato nacionalista marca como obxectivo cando menos repetir os resultados de hai catro anos, nos que acadara un total de 9.157 votos e 60 delegadas/os.
Nestes comicios están chamadas a participar un total de 33.068 docentes, elíxense 146 delegados e delegadas e haberá un total de 874 mesas electorais distribuídas polos centros educativos do país para favorecer ao máximo a participación do profesorado.
Entre os principais obxectivos que marca a CIG-Ensino para os próximos catro anos están frear os recortes de persoal; a baixada de ratios en todas as etapas educativas; a recuperación dos dereitos arrebatados durante o goberno do PP na Xunta, nomeadamente a volta ao horario lectivo de 18 horas en secundaria e 21 en primaria; reforzar un modelo de ensino público, gratuíto, galego, en galego, laico, inclusivo e feminista; recuperar o poder adquisitivo e garantir uns salarios dignos; ou eliminar a taxa de reposición.