Tras a ausencia de resposta por parte da Administración, o claustro do IES Pedro Floriani de Redondela acordou facer públicas as necesidades do centro, que este ano oferta un novo Ciclo de FP Básica sen incremento de profesorado e precisa dunha especialista de PT máis.
Diante disto, a CIG-Ensino esíxelle á Consellaría de Educación que detalle o anunciado incremento de docentes por especialidades e por centros, “dado que a información que está a recibir o sindicato por parte dos centros contradí a súa propaganda”. Mentres a Xunta anuncia un incremento de persoal, son numerosos os centros que non ven atendidas as súas demandas e que deben afrontar o novo curso con recursos insuficientes.
A CIG-Ensino esíxelle á Consellaría de Educación que detalle o anunciado incremento de docentes por especialidades e por centros, “dado que a información que está a recibir o sindicato por parte dos centros contradí a súa propaganda”
No caso do IES Pedro Floriani de Redondela, a situación é especialmente preocupante pola posta en marcha este curso dun novo ciclo de FP Básica. Malia esta nova ensinanza e a reorganización do horario lectivo aplicada este curso, a Consellaría non asignou máis profesorado ao centro. Esta falta de efectivos obriga ao instituto a reorganizar os grupos e a distribuír en grupos diferentes o alumnado do Bacharelato de Artes.
As familias de Redondela loitaron intensamente para contar co bacharelato de Artes nun instituto do concello, o que levou a que finalmente se escoitaran as demandas, se acometeran obras e se ampliara o IES Pedro Floriani para acollelo. Agora que existen os espazos redúcese o número de profesorado e a Administración educativa obriga a separar ao alumnado de Artes Plásticas, Imaxe e Deseño de 1º e 2º de bacharelato entre os grupos de Humanidades e Ciencias Sociais e Ciencias e Tecnoloxía.
"As familias deste alumnado xa trasladaron ao centro e á Consellería de Educación o seu desacordo con esta medida, que vén condicionada pola falta de persoal docente suficiente".
A esta situación engádese a falta de resposta á petición dunha praza máis de Pedagoxía Terapéutica. O centro solicitou formalmente este incremento de persoal ante as graves necesidades de atención educativa que presenta para o curso que comeza. Para xustificar esta petición, o IES Pedro Floriani enviou os correspondentes escritos nos que se explicaban as diferentes situacións e necesidades detectadas no alumnado. Porén, a Consellaría non tivo en conta esta solicitude na adxudicación de profesorado para o este curso.
Para a CIG-Ensino, o caso do IES Pedro Floriani volve poñer de manifesto a distancia existente entre os anuncios da Consellaría e a realidade que viven os centros educativos. “Non é aceptábel que os centros teñan que reorganizar a súa oferta educativa ou limitar as posibilidades de atención ao alumnado por non contar co profesorado que necesitan”.
En consecuencia, a central sindical reclámalle á Consellaría de Educación que revise a dotación de profesorado do IES Pedro Floriani e atenda as demandas formuladas polo centro e polas familias, tanto no relativo ao incremento de persoal derivado da nova FP Básica como á concesión dunha praza máis de PT. Ao mesmo tempo, anima os centros educativos a facer públicas as súas necesidades de persoal non atendidas e a informar a toda a comunidade educativa das consecuencias que estas decisións teñen na organización dos centros, na oferta educativa e na atención individualizada ao alumnado.