A CIG-Ensino apoia a dirección do CEIP Luís Seoane e esixe o cese do xefe territorial da Coruña
Ante o esquecemento dun neno no autobús do transporte escolar do centro, a CIG-Ensino denuncia que a Xefatura Territorial da Coruña pretende desviar a atención das responsabilidades que lle corresponden á administración, por ser quen contrata as empresas de transporte, obrigando a que a directora presente a súa dimisión. O sindicato estivo esta mañá no centro onde comprobou "o relato das coaccións á directora e como todo o claustro apoia a todo o equipo directivo que, por solidariedade, vén de presentar a súa dimisión".
"As actuacións desta Xefatura Territorial responden a un evidente comportamento caciquil, pois utiliza un argumento de exixencia de fidelidade á súa figura absolutamente fóra de lugar", critican dende a CIG-Ensino.
Valoran que cando a Xefatura Territorial exhibe como causa unha presunta “falta de confianza” está a atribuír a un cargo administrativo (como é a condición de membro dun equipo directivo dun centro educativo), algo que non lle é propio, pois o único “cargo de confianza”, derivado dunha decisión política, é precisamente da xefatura.
As relacións do funcionariado coa administración débense ao ordenamento lexislativo e normativo, e á profesionalidade requirida para cada caso, pero non a relacións de confianza ou afinidade. Por iso, engaden, a acusación de “perda de confianza” "é inadecuada porque un cargo directivo ten que merecer a confianza dos órganos de goberno dos centros, claustro e consello escolar, e non de cargos políticos".
Falta de motivos para proceder ao cesamento
Para a CIG-Ensino, detrás deste subterfuxio está a evidencia da falta de motivos para proceder a un cesamento da directora, "algo que se evidencia tamén en que o Xefe Territorial utilizou a inspectora do centro para trasladar esa “orde de que presente a dimisión”, sen pedir nin permitir explicación dos feitos, mostrando unha vez máis o seu talante absolutamente autoritario".
Tal e como puido comprobar esta mañá a CIG-Ensino no centro a comunidade educativa apoia a súa directora, e o resto do equipo directivo presentou solidariamente, e neste caso si de xeito voluntario, a súa dimisión, como pode verse no comunicado que publican na web do centro: https://www.edu.xunta.gal/centros/ceipluisseoane/
Dimisión do xefe territorial da Coruña
Desde a CIG-Ensino esixen a dimisión do xefe territorial da Coruña, "que é o que realmente ten que asumir as responsabilidades dos feitos, que son de carácter moi grave". En calquera caso, o transporte escolar e as empresas que prestan este servizo son contratadas e dependen directamente da administración polo que esta é a última responsábel do ocorrido.