A CIG-Ensino apoia a demanda da Comunidade Educativa para que se dote de pavillón ao IES Ferrol Vello
Despois de falar coa directiva, a CIG-Ensino presentará ante os órganos pertinentes da Consellaría de Educación a demanda para que o IES Ferrol Vello teña un pavillón, en atención ás demandas do Consello Escolar e o profesorado do centro.
Como sinala Antonia Martínez, responsábel comarcal da CIG-Ensino, “semella de difícil comprensión que na actualidade o profesorado e alumnado deste centro educativo teña que desprazarse en autobús, adaptar os tempos e materiais para poder desenvolver as clases de Educación Física, entre outras actividades”. Por iso, tendo en conta a necesidade dunha solución a esta situación, a central comparte as peticións que o propio centro expón: o uso dunha fábrica abandonada anexa ao instituto para reconstruír un pavillón deportivo para o centro, que asemade puidese ser utilizado pola veciñanza.
O sindicato galego entende que o profesorado debe traballar nunhas condicións óptimas e que a Consellaría está a mirar de esguello esta problemática, "deixando pasar o tempo e sen solucións reais". Alén disto, hai que ter en conta o problema de seguridade que supón a proximidade deste inmóbel abandonado ante o edificio escolar.
Por todo o anterior, a CIG- Ensino usará todas as canles das que dispón para conseguir que a Consellaría, organismo responsábel das instalacións educativas, se involucre e solucionar, canto antes, esta necesidade educativa presentada polo instituto.