A CIG-Ensino anuncia un curso “conflitivo” e “problemático” contra a imposición das reválidas na ESO e no Bacharelato
Louzao explicou que o inicio do curso escolar vén marcado pola imposición da LOMCE, coas súas reválidas na ESO e Bacharelato. Unha cuestión que xa avanzou “seguirá sendo motivo de conflito até que consigamos a súa paralización e derrogación”.
Denunciou ademais que estas probas reguláronse aproveitando o verán, por un goberno en funcións e sen que se coñeza, até o 30 de novembro en que consistirán. Diante deste despropósito asegurou que a CIG-Ensino loitará “até a extenuación” para que non se leven adiante, porque, asegurou, “poñen en cuestión o dereito á educación ao vetar a unha parte da sociedade, a máis desfavorecida, ás clases populares impedindo que poidan acadar os obxectivos. Non podemos permitir”.
Xunto a isto o secretario nacional da CIG-Ensino denunciou que, ao tempo que se impón esa lei segregadora, elitista e centralista, o PP persiste na destrución do ensino público, onde suprime 84 unidades e 13 escolas, mentres acrecenta e beneficia o ensino concertado, coa creación de 58 novas unidades. Unha situación que, lembrou, se repite curso tras curso e que ten provocado que nos últimos 5 anos se suprimiran 411 unidades e 59 escolas no ensino público cando, nese mesmo período, se crearon 243 unidades no ensino privado concertado.
A ese respecto denunciou que “o ensino privado recibe en concertos, cada ano, máis de 245 millóns de euros” e que hai uns días recibiu un novo agasallo de 280 mil euros para os centros de educación especial. Ademais anunciou a presentación dun recurso contencioso administrativo contra un novo concerto irregular e innecesario como o que se vén de outorgar á Casa do Neno.
Falta de profesorado
O secretario nacional da CIG-Ensino advertiu ademais que continúa o recorte do profesorado en moitos centros nos que os actuais cadros docentes son xa totalmente insuficientes para atender a diversidade. Asegurou que isto mingua a calidade do ensino, con aulas masificadas e con máis de 200 unidades que superan as ratios máximas establecidas; denunciou que se acrecentaron os agrupamentos de alumnado de diferentes idades, desatendéronse as necesidades educativas específicas e que falta profesorado de PT, AL e Orientadores, que van compartir centros.
A isto engadiu que “malia os centros necesitar máis profesorado, o interino queda sen traballo ou pasa a ser substituto”. Unha situación que o levou a denunciar a “temporalidade, provisionalidade e inestabilidade” que padece este profesorado, abocado a unha situación de precariedade cada vez maior.
Explicou que no mes de agosto adxudicóuselle destino a 2.436 mestres (o 18% do total do profesorado do corpo de mestres), dos que 1.122 son interinos, 452 itinerantes e 326 imparten afíns; que o 62% das prazas de orientación son itinerantes.
Con respecto ao profesorado de secundaria, sinalou que “até o día 9 de setembro, a 5 días do inicio de curso en secundaria, non se lle adxudicará destino e que na adxudicación provisional déuselle destino a 4.112 dos que 806 son interinos; 1.725 substitutos e que 1.138 impartirán afíns.
Diante deste panorama denunciou que se converte o profesorado nun profesional ambulante e que esta situación impide levar a cabo programas e proxectos educativos, o que non axuda, en absoluto, a mellorar a calidade do ensino.
Persecución ao noso idioma
Anxo Louzao denunciou tamén que segue acrecentándose a persecución e marxinación do noso idioma mesmo incumprindo a consellaría a súa propia norma, que “xa é lesiva para o galego”.
Sobre esta cuestión salientou que “neste curso na ESO o ensino en galego pasa a ter unha hora menos” ao incrementarse unha hora de Matemáticas –materia sobre a que pesa a prohibición de que se imparta en galego- e réstase unha hora a Ciencias Naturais. Isto xunto o feito de que hoxe o ensino en galego é anecdótico nas Escolas Infantís das cidades ou que na FP non hai material curricular no noso idioma dá como resultado que “hoxe a maioría do alumnado non recibe sequera o 15% das aulas en galego”.
E para agravar a situación dánselles raquíticas axudas aos equipos de normalización dos centros e as escasas axudas non se fixeron públicas até estarmos a 20 días do remate do curso anterior.
Con todo isto, Louzao concluíu que isto tradúcese nun comezo de curso no que se “afonda na privatización e no que o PP continúa atacando o ensino público, no que falta profesorado, masifícanse as aulas, hai menos equidade, precarízase máis o profesorado e mingua a calidade”.
Fronte a isto demandou un cambio de rumbo para que se garanta un financiamento suficiente para o ensino público, que cifrou no 7% do PIB; a derrogación da LOMCE; o desenvolvemento dunha Lei Galega de Educación inserida na nosa realidade nacional; a defensa e aposta pola galeguización do ensino e a restitución de todos os dereitos laborais e salariais do profesorado.