A CIG-Ensino anuncia dúas novas xornadas de folga para o 28 e 29 de outubro se a Consellaría non negocia melloras laborais reais
Despois do éxito da folga docente e da manifestación do pasado 25 de setembro e ante a inacción e o inmobilismo da Xunta, a CIG-Ensino vén de remitirlle un escrito ao conselleiro a través do que o empraza a abrir unha negociación na que se poñan enriba da mesa as verdadeiras demandas do profesorado galego ou, do contrario, intensificaranse as mobilizacións coa convocatoria de dúas novas xornadas os días 28 e 29 de outubro.
As mobilizacións foron consensuadas co sindicato STEG, e nos próximos dias ademais, seguiranse a realizar asembleas informativas nos centros de ensino para animar o profesorado a implicarse activamente nestas e noutras accións de protesta.
Así llo comunicou a CIG-Ensino (primeira forza no ensino público) nun escrito remitido ao conselleiro de Educación, a quen empraza a amosar a súa disposición real a negociar melloras que, cando menos, deben abranguer os seguintes puntos, sen prexuízo de que se aborden outros que non teñen estrito carácter laboral como a situación da nosa lingua no ensino, garantías de liberdade e de respecto no noso traballo ou o Decreto que vai regular a Formación Profesional:
- Baixada de ratios en todas as etapas educativas a partir do vindeiro curso 26/27.
- Recuperación do horario lectivo recortado en 2011 (21 horas en primaria e infantil) e en 2012 (18 horas no resto de ensinanzas) tamén a partir do vindeiro curso e fin da discriminación horaria nos CIFP.
- Medidas concretas que garantan unha correcta atención á diversidade (criterios para a dotación de persoal especialista de PT e AL, incremento do número de orientadores/as nos centros, cómputo como dobre ou triplo do alumnado con necesidades en todas as etapas, autorización de desdobres, PDCs e FP básica en todo o territorio...)
- Un plan real de eliminación de burocracia que leve aparellado, entre outras medidas, un incremento da dedicación horaria para equipos directivos, coordinacións e titorías.
- Melloras retributivas: incremento retributivo lineal para todo o profesorado no complemento autonómico que permita recuperar o poder adquisitivo perdido, recuperación do cobro do verán para o persoal substituto que traballe 5 meses e medio e equiparación salarial do PESSFP co resto de profesorado de FP.
- Redución da xornada laboral a partir dos 55 anos e recuperación das licenzas por formación retribuídas.
Pasos veraces plasmados nos orzamentos
A CIG-Ensino reclámalle a Consellaría que dea pasos veraces que poidan plasmarse nos orzamentos para o vindeiro ano, que se van debater e aprobar no Parlamento galego o próximo mes de decembro, se quere evitar a conflitividade. “É por isto a premura de que se inicie canto antes esta negociación”, indican.
Así mesmo, fan un chamamento ao resto de organizacións sindicais, en especial ás tres que asinaron o Acordo de Melloras, a que se sumen a estas mobilizacións e defendan a vontade maioritaria do profesorado, tal e como se escenificou o pasado día 25 de setembro.
Neste senso, a CIG-Ensino subliña que os escasos pasos dados pola administración, centrados sobre todo nas etapas de infantil e primaria, viñeron forzados precisamente pola mobilización do profesorado e das propias familias.
Algúns destes cambios foron: a instrución de que os centros de infantil e primaria subiran as vacantes existentes o propio día 1 e o inicio dos chamamentos o día 3, a inclusión das vacantes PROA+ cando o ano pasado a día 10 aínda non se sabía que centros terían este programa, a adxudicación antes da manifestación do día 13 de máis de 1000 vacantes, iso si, moitas a media xornada, de mestres e mestras, algunhas froito da presión das ANPA e dos centros ou o adianto no pagamento da nómina ao persoal substituto que comezou a traballar a comezos de curso a respecto doutros anos.
Isto evidencia que o camiño para lograr que un cambio real e significativo na política educativa do Goberno do PP na Xunta de Galiza pasa por intensificar e apostar ás claras pola mobilización e a loita.