A CIG-Ensino denuncia que a redución horaria lectiva non está garantida e que o texto foi empeorado

O Proxecto de Lei depende agora da aritmética parlamentaria, podendo sufrir atrasos, emendas ou mesmo decaer se non reúne apoios suficientes
Nacional - 22 Abr 2026

A CIG-Ensino chama a non xerar falsas expectativas sobre a redución horaria lectiva, xa que a aprobación onte no Consello de Ministros da chamada Lei de mellora das condicións para o desempeño da docencia non garante a súa aplicación.

Tras a paso dado polo Goberno central, o texto remitirase ás Cortes, polo que o proceso non fai máis que entrar nunha nova fase: a parlamentaria. Será no Congreso e posteriormente no Senado onde se verá se esta norma sae adiante, con que contido e en que prazos. Só despois de completar todo ese percorrido poderá converterse en Lei e publicarse no BOE. 

Será no Congreso e posteriormente no Senado onde se verá se esta norma sae adiante, con que contido e en que prazos

A situación parlamentaria, ademais, pode facer que esta lei nin sequera chegue a aprobarse xa que o Executivo non ten garantidos os apoios necesarios. Non se trata, pois, dun trámite automático. “De feito, nesta mesma lexislatura xa vimos como varias iniciativas gobernamentais decaeron, e ese precedente deixa claro que, sen unha maioría suficiente, tamén esta norma pode ser atrasada, modificada durante a tramitación ou directamente bloqueada antes de converterse en Lei”, advirten dende a central sindical.

A este respecto consideran que vai ser “interesante” comprobar cal será a posición do PP, “tanto no sentido do seu voto como nunha posíbel estratexia de ralentización dos trámites de debate e votación no Senado, onde xa ten demostrado en moitas ocasións como facer uso dunha institución para obstaculizar a aprobación dunha norma que, no caso de saír rexeitada pola maioría absoluta do PP no Senado, debería volver ao Congreso, procurando poñer paus nas rodas para a súa entrada en vigor para o próximo curso”.

Insuficiente para recuperar dereitos

A situación é aínda máis grave porque o texto que chega a esta fase empeorou con respecto ao que saíra dos grupos de traballo do Ministerio e do Consello Escolar do Estado. A CIG-Ensino xa denunciara que, tras o paso pola Conferencia Sectorial e a volta á Mesa Docente estatal, o documento incorporou dúas novidades especialmente negativas: por unha banda, deixa a dotación de recursos para a atención ao alumnado con necesidades educativas especiais condicionada á dispoñibilidade orzamentaria; por outra, introduce para a Formación Profesional a chamada distribución irregular da xornada lectiva, abrindo a porta a que se poidan superar en determinados momentos do curso incluso as 20 horas lectivas.

O sindicato deixara clara na Mesa Docente Estatal a súa posición en canto ao texto do Anteproxecto de Lei e a reivindicación en canto ao horario segue a ser clara: volver ás 21 horas lectivas en Infantil, Primaria e Educación Especial e ás 18 horas nas restantes ensinanzas.

Inacción da Consellaría 

A folga convocada para o vindeiro martes 28 de abril será unha nova ocasión para demostrar que o profesorado galego está farto do deterioro das súas condicións de traballo

A CIG-Ensino lamenta tamén que as poucas melloras que poderían chegar para o profesorado no vindeiro curso, e sempre condicionadas a que a Lei sexa finalmente aprobada, veñan pola iniciativa do Ministerio e non pola vontade da Consellaría. Neste senso, lembra que a normativa básica estatal fixa topes, pero as comunidades autónomas teñen capacidade para mellorar as condicións laborais do profesorado e reducir os horarios por baixo deses máximos. “En vez diso, o Goberno galego continúa sen dar resposta ás reivindicacións do profesorado malia as mobilizacións e xornadas de folga desenvolvidas neste curso”.

Por iso, na central sindical continuarán esixindo da Consellaría que exerza dunha vez as súas responsabilidades. “A folga convocada para o vindeiro martes 28 de abril será unha nova ocasión para demostrar que o profesorado galego está farto do deterioro das súas condicións de traballo e que reclama medidas inmediatas porque o paso de hoxe nin resolve nada nin pode servir de escusa para seguir sen tocar horarios e ratios no país”, rematan.