A CIG-Ensino alerta da destrución de postos de traballo polo desmantelamento da EI Merlín de Ames
A CIG-Ensino alerta da situación crítica na que se atopa a Escola Infantil Merlín de Ames e o seu persoal, quen leva máis dun mes sen poder traballar, sen cobrar e sen ningunha comunicación oficial coherente nin da empresa nin da Xunta de Galiza, que segue financiando o centro e obtendo, así mesmo, vagas respostas burocráticas por parte do Concello de Ames. O sindicato considera que estamos diante dun proceso de desmantelamento dun servizo público esencial e da destrución de postos de traballo perfectamente viábeis.
A CIG-Ensino traslada a preocupación pola situación que están a vivir as traballadoras da Escola Merlín de Ames, unha vez máis. “A pesar de existir xa unha nova empresa disposta a facerse cargo do centro —disposición que as traballadoras queren agradecer de novo—, a escola non abriu o 1 de setembro e as traballadoras atópanse de momento nos seus domicilios á falta dunha solución ás diversas trabas burocráticas existentes no edificio que alberga a escola”, explican. Esta é unha situación totalmente “anómala e insostíbel”, xa que o conxunto de traballadoras acumula meses de incerteza e de precariedade intolerábel.
As nóminas de xullo, agosto e setembro, pendentes de cobro
A día de hoxe as traballadoras seguen sen cobrar as nóminas correspondentes aos meses de xullo, agosto e setembro sufrindo unha vez máis as consecuencias dun escenario de absoluta incerteza respecto de cando poderá reabrirse o centro. Esta mesma incerteza afecta tamén ás familias, que non saben cando poderán retomar con normalidade a escolarización das súas fillas e fillos nunha escola infantil que tivo apoio e subvención da Xunta de Galiza para a súa actividade nestes últimos cursos.
“Desde a CIG-Ensino sinalamos directamente a responsabilidade da empresa familiar que xestionou durante estes últimos anos a escola, e que volve demostrar a súa incompetencia e desleixo ao non cumprir coa súa principal obriga: pagar ás súas traballadoras. A familia empresaria, formada por Carmen Santoro e Carlos Porto Santoro, responsábeis da empresa saínte, é a clara culpábel da situación actual, mentres que a Consellería de Política Social e Xuventude continúa mirando para outro lado a pesar das insistencias e denuncias presentadas pola central sindical, quen tamén presentou unha nova denuncia ante Inspección de Traballo”.
Para a CIG-Ensino “non é admisíbel” que se xogue nin cos dereitos laborais das traballadoras nin co dereito das familias a un servizo educativo esencial. A CIG-Ensino, coñecedora de que o Concello e a empresa entrante están a intentar atopar unha solución, fai un chamamento urxente a concluír canto antes estes trámites e poñer fin á parálise.
O sindicato esixe unha resposta urxente e efectiva:
- -A reapertura inmediata da escola.
- O pago inmediato dos salarios pendentes.
- E a garantía da continuidade dos postos de traballo e do servizo educativo público que se lle debe ás familias de Ames.
“Non se pode permitir que, baixo a escusa dun cambio de xestión, se deixen a familias sen escola e a traballadoras sen dereitos. Estamos ante un novo episodio de desmantelamento de servizos esenciais e imos esixir responsabilidades”, conclúe a CIG-Ensino.