A CIG-Ensino acusa a Consellaría de deixar desatendidos miles de estudantes non cubrindo substitucións docentes
Delegados e delegadas da CIG-Ensino concentráronse esta mañá diante da Consellaría de Educación para denunciar publicamente que desde este venres a Consellaría non vai cubrir as substitucións docentes que se produzan até finais de curso, ademais de poñer de manifesto todas as que non se levan cubertas nos últimos meses e que mesmo nalgúns casos foron borradas na aplicación de vacantes.
A día de hoxe, sinalan, hai subidas á aplicación que xestiona as listaxes de substitución 112 vacantes sen cubrir, 5 delas de antes do mes de maio, e 74 desta mesma semana. Esta situación leva a que nos centros se estea vivindo un final de curso de gran sobrecarga de traballo con avaliacións, saídas, probas libres ou de acceso que se fai insostíbel para o profesorado pero sobre todo que prexudica o alumnado con máis necesidades de atención. Como exemplo hai 10 substitucións de Orientación e 8 de especialistas en atención á diversidade desde o 1 de maio sen cubrir, malia que nalgúns casos as direccións dos centros advirten nas peticións que se precisan para atender casos de alumnado con NEAE.
A práctica habitual da Consellaría de Educación de non cubrir baixas ou permisos que non superen os 15 días de duración, a realización de chamamentos a persoas que están nas listaxes só dous días á semana, o que fai que moitas veces xa non se cheguen a eses 15 días como no caso dos permisos de matrimonio ou unión de feito, e o borrado sistemático daquelas que consideran desde a administración que son “prescindíbeis” agudízase sempre a finais de curso e este ano faino, aínda se cabe, con maior incidencia.
Con esta concentración, a CIG-Ensino quere denunciar publicamente esta situación e reclamar que se rectifique e que se sigan cubrindo as vacantes que solicitan os centros nun momento en que ademais están saturados de traballo, coas avaliacións aínda pendentes na maior parte das etapas e a realización simultánea de probas libres e probas de acceso, así como outras actividades extraescolares que se concentran tamén na fase final de curso e que deixan mermados os claustros.
A Consellaría non fará máis chamamentos
A mobilización coincide co día no que a Consellaría lle confirmou ao sindicato que deixará de facer estes chamamentos, deixando non só desatendidas todas as necesidades que se produzan até finais de curso senón tamén, como se pode comprobar nas vacantes que aínda permanecen publicadas no portal das listaxes de substitución, a miles de estudantes que se ven privados directamente da docencia dunha ou varias materias ou aos que se lles buscan solucións desde os centros que non garanten a calidade na atención educativa.
Tal e como denunciaron representantes do sindicato maioritario no ensino público, nestes intres hai 5 vacantes desde antes do mes de maio sen cubrir, todas elas pertencentes a especialidades de FP nas que a Consellaría non foi previsora e non abriu novas listaxes desde o pasado mes de marzo sabendo que habería necesidade de cubrir substitucións nas mesmas. Outras 35 corresponden a vacantes que os centros foron publicando ao longo do mes de maio destacando especialmente que 15 corresponden a Escolas Oficiais de Idiomas.
Precisamente estes dous colectivos de profesorado puxéronse en contacto co sindicato para manifestar que o horario das persoas ausentes no caso de alongarse a situación de baixa ou de permiso está a ser repartido de forma sistemática entre o resto de compañeiros e compañeiras.
Porén, se todas as situacións son lesivas para o alumnado a ausencia de profesorado titor nas etapas de infantil, primaria e secundaria ou dos departamentos de Orientación e das especialidades de Pedagoxía Terapéutica e Audición e Linguaxe, causa un grave trastorno para o estudantado máis vulnerábel.
A día de hoxe hai 38 vacantes de mestras de infantil, primaria e especialistas de atención á diversidade pendentes de cubrir. Nas anotacións que fan os centros cando publican estas necesidades poden lerse observacións sobre que se precisa persoal docente para atender só alumnado con Necesidades Específicas de Apoio Educativo ou nas que se reitera que van ser baixas de longa duración ou que xa é a segunda vez que se soben á aplicación.
Así pois, o desprezo da Consellaría polo profesorado e polo ensino público en xeral non fai máis que agudizarse este curso, toda vez que semella que os seus cargos políticos xa teñen asegurada a continuidade nos mesmos e non lles importa manter unha mínima calidade na atención educativa do alumnado, nin sequera do que ten máis necesidades de apoio.