A CIG en PSA-Citroën centra a campaña das eleccións sindicais no combate aos abusos e á perda de dereitos
A sección sindical da CIG en PSA-Citroën preséntase ás eleccións sindicais dos vindeiros 21 e 22 de outubro co albo posto na recuperación de dereitos e na necesidade de frear os abusos por parte da multinacional francesa da automoción. Afirman o voto á CIG como a mellor opción para combater o alarmante deterioro en salarios, así como para facer fronte ao incremento en ritmos e cargas de traballo nun clima xeral de precarización nas liñas de produción.
Nos materiais de campaña, a CIG de PSA-Citroën salienta a necesidade de mudar a composición do Comité elixido en 2014, que hexemoniza o pro-patronal SIT, por outro conformado con delegados/as “que non sexan cómplices dos abusos da dirección”.
Chama, deste xeito, a confrontar “ameazas e chantaxes” durante a campaña eleitoral, pondo en valor a coherencia amosada por quen permaneceu estes catro anos ao lado dos traballadores/as fronte a quen colaborou coa perda de dereitos.
En contraste, destacan o modelo sindical solidario, participativo, democrático e reivindicativo da central nacionalista, primeira forza sindical en Galiza e con implantación ao longo do sector da automoción, e que aspira a incrementar neste proceso os dous delegados cos que conta na actualidade.
No tocante aos eixos principais do programa, a CIG de PSA reivindica o incremento salarial, a redución de ritmos e cargas de traballo e a consecución de postos realizábeis para persoas con limitacións. Así mesmo, avogan por un calendario laboral con garantías, novacións a 8 horas por antigüidade, contratacións eventuais cun mínimo dun ano de duración ou climatización dos talleres.
Ás eleccións sindicais da factoría viguesa de PSA-Citroën están chamados/as máis de 6000 traballadores/as, que deberán elixir os 33 integrantes do comité de empresa.