A CIG en Prosegur demanda máis persoal e medios para enfrontar situacións de risco e garantir a seguridade

A Coruña - 05 Feb 2025

A sección sindical da CIG en Prosegur A Coruña reclama un reforzo do persoal de vixilancia e dos medios, especialmente nos servizos máis conflitivos, para garantir a integridade dos e das traballadoras e das persoas usuarias. Reclaman que se antepoña a seguridade ao beneficio empresarial e unha mellora das condicións laborais e salariais acorde ao risco e responsabilidade que asumen.

Lembran que o pasado martes un enfermeiro e un vixilante do servizo de Urxencias do Hospital da Coruña  sufriron unha brutal agresión e onte mesmo, un vixilante das tendas de Inditex no Centro Comercial Marineda City tivo que reducir a un home armado cun puñal co apoio da seguridade do CC. Pero "mentres medran os riscos, as empresas seguen recortando en seguridade sen escrúpulos" e denuncian que nos servizos onde se rexistra maior conflitividade, como Padre Rubinos ou os estabelecementos Eroski, "deixan ao persoal de vixilancia sen medios nin apoio suficientes para enfrontar situacións de perigo".

Neste contexto, dende a sección sindical da CIG en Prosegur da Coruña reclaman medidas inmediatas e contundentes como:

- Máis persoal e ferramentas de autoprotección, porque "non podemos arriscar a vida sen medios axeitados".

- Condicións laborais e salariais dignas acordes ao risco e á responsabilidade que asumen.

- Fin dos recortes nestes servizos e que se priorice a seguridade, non os beneficios empresariais.

- Seguridade efectiva nos servizos públicos, creando áreas específicas para pacientes con doenzas psiquiátricas e protección xurídica reforzada para persoal de enfermería e vixilancia.

Avanzan que, de non adoptarse as medidas necesarias, repetiranse protestas como a realizada no día de onte no HUAC "en defensa da vida, a dignidade e por uns salarios xustos para a clase traballadora".