A CIG, en pé de guerra contra o exceso de xornada no servizo de bombeiros/as de Vigo
A CIG está decidida a acabar co exceso de xornada que ameaza a saúde dos integrantes do corpo de bombeiros/as de Vigo e afecta a calidade do servizo. No mes de maio presentou unha denuncia contra un suboficial que realizou 1325 horas extra nun ano e agora baralla abrir un proceso penal contra o Concello como presunto responsábel dun delito contra a seguridade dos traballadores/as, xa que en lugar de ampliar o cadro de persoal obriga a traballar máis horas e mesmo en días libres, incumprindo a normativa laboral.
A Unión Comarcal da CIG de Vigo presentou en maio unha denuncia no Xulgado de Instrución número 7 contra un suboficial do Servizo de Prevención e Extinción de Incendios e Salvamento (SPEIS) pola comisión dos presuntos delitos de falsidade documental e contra o patrimonio público, en relación coas horas extra realizadas por este mando, que no ano 2016 ascenderon a 1325 horas. Admitida a denuncia, o suboficial atópase neste momento en calidade de investigado polo citado Xulgado.
A CIG denunciará todas as accións deste tipo co obxectivo de que o de bombeiros/as sexa un servizo público libre de calquera corruptela
“Desgraciadamente este tipo de actuacións desvirtúan a función publica, polo que a CIG denunciará este tipo de accións co obxectivo de que bombeiros/as sexa un servizo público libre de calquera tipo de corruptelas”, sinalan dende a central.
En relación co conflito que o colectivo mantén co Concello dende hai meses por falta de diálogo e negociación, os servizos xurídicos da CIG están a estudar a presentación dunha denuncia no Xulgado por entender que a aplicación do decreto imposto pola Concellaría de Seguridade que obriga a realizar horas extra e a traballar en días libres “ pode supoñer a comisión dun presunto delito contra a seguridade dos traballadores/as”.
Sosteñen que este decreto supón de facto a militarización do servizo, obrigando ao persoal a facer xornadas superando os máximos que marca calquera lexislación, podendo ser sancionados con até tres anos de suspensión de emprego e soldo en caso de non acudir a realizar as xornadas que vía decreto impón a Concellaría. Isto provocou que haxa algúns casos de bombeiros/as en prácticas que chegaron a facer 48 horas seguidas, o que nun servizo de natureza perigosa coma este supón poñer en risco tanto ao propio/a traballador/a e a toda a dotación como ás posíbeis vítimas a rescatar.
“O máis grave de todo é que a día de hoxe as ofertas de prazas pendentes están se executar, polo que a situación podería prolongarse máis dun ano”, critican.
Entenden que o Concello, coa aplicación do decreto, está a incumprir a seguinte normativa:
-Un dereito fundamental como é o dereito a negociación colectiva, xa que foi un decreto imposto sen ningún tipo de negociación modificando unilateralmente as condicións de traballo. Sen acoutar o período de vixencia do decreto nin as medidas que tomarán para eliminalo.
-A directiva europea sobre tempos de descanso, xa que as xornadas de moitos/as traballadores/as superan con moito a media ponderada sobre tempo de referencia que fai mención a citada directiva.
-A mesma directiva sobre traballadores/as sometidos/as a riscos e tensión especiais.
-A lei de prevención de riscos laborais, xenérica e particularmente:
Xenericamente porque é responsabilidade do empresario/a garantir a seguridade do traballador/a en todos os aspectos relacionados co traballo, incuso coa organización do servizo. Na actualidade non se garanten os protocolos no referente aos binomios de intervención, poñendo en risco a seguridade dos traballadores/as, que neste caso desenvolven un traballo tóxico perigoso e insalubre, como así o recoñece a lei da Seguridade Social sobre a aplicación de coeficientes redutores para o acceso a xubilación en favor dos bombeiros/as.
E particularmente incumpre diferentes artigos, entre eles o de non respectar o período mínimo de descanso entre quendas, chegando varias veces traballadores/as a dobrar quendas de 24 horas e facendo xornadas de 48 horas.
Esta situación está a provocar que o índice de baixas acade niveis alarmantes, a maioría delas derivadas de estrés laboral, fatiga e ansiedade
-A lei de conciliación da vida persoal e laboral. Moitos/as bombeiros/as con cargas familiares, con crianzas ou persoas maiores ao seu cargo, son chamados/as dun día para outro, véndose obrigados/as a contratar coidadores/as para poder saír do paso.
-A lei da Seguridade Social, xa que os informes preceptivos para a aplicación da xubilación anticipada a bombeiros/as establecen claramente que é a actividade de bombeiro/a a que provoca o deterioro da saúde; e como non é posíbel cambiar as condicións de traballo o que procede é a redución do tempo de exposición, a través de coeficientes redutores. Polo que este incremento abusivo das xornadas, este exceso de exposición, aínda que puidera compensarse con tempo non sería posíbel aplicalo a xente que lle faltan dous ou tres anos para xubilarse.
Esta situación está a provocar que o índice de baixas acade niveis alarmantes, a maioría delas derivadas de estrés laboral, fatiga e ansiedade. “Non esquezamos que o noso traballo é eminentemente perigoso”, sinalan.
Por todo isto, están a valorar a posibilidade de presentar unha denuncia penal en base a un posíbel delito de risco contra a seguridade dos traballadores/as na modalidade de imprudente e dolosa e unha responsabilidade penal de falta por imprudencia, ao tempo que esixirían unha responsabilidade civil por danos e prexuízos, tanto morais como físicos.