A CIG en GKN Driveline de Vigo alerta sobre problemas de saúde laboral polas altas temperaturas na empresa
A sección sindical da CIG en GKN Driveline de Vigo (antiga Indugasa) vén de denunciar publicamente os problemas en seguridade e saúde laboral que se rexistran como consecuencia das altas temperaturas. Así, reclámanlle á empresa que aplique o protocolo de estrés térmico e que instale un sistema de climatización en condicións para evitar os desvanecementos que se teñen producido entre o cadro de persoal.
A representación sindical da central na compañía do sector da automoción sostén que as condicións de saúde laboral non cumpren cos parámetros legalmente establecidos, en concreto o R.D. 486/97 de 14 de abril sobre disposicións mínimas de seguridade nos lugares de traballo, e lembran que levan dende o ano 2012 requiríndolle á dirección que “tome en serio o problema do estrés térmico na fábrica de Vigo”.
Segundo indican, a empresa conta cun protocolo que prevé temperaturas de 45 graos dentro das instalacións, só facilitando auga e facendo paradas a partir dos 36. “Isto fai que os traballadores/as teñan que soportar xornadas a máis de 30 graos sen que a empresa faga nada para evitar esta terríbel situación que padece o persoal de taller”.
Neste senso, sinalan que o real decreto 486/97, que regula as condicións ambientais dos lugares de traballo, marca uns parámetros de entre 14 e 25 graos. “Mais nestes pasados días 23 e 24 de maio estivemos a máis de 40”.
Ante a situación de perigo que se viviu neses días para a integridade física dos traballadores/as, dende a CIG reclamáronlle á empresa que active o protocolo de stress e se apliquen as medidas que contempla. “A resposta da empresa é que non se vai aplicar até o 1 de xuño, como se a calor fose un factor determinado polo día e o mes do ano”.
Desvanecementos no posto de traballo
Lembran que con anterioridade xa se rexistrou “algún desvanecemento dalgún compañeiro/a, mais sen consecuencias graves, polo que de momento non temos que lamentarnos de que sucedese unha desgraza fatal entre os empregados/as”.
Critican que co novo Plan Industrial a situación ambiental da fábrica non mellorou senón que empeorou. “Un caso especial é o do novo taller de árbore situado nunha zona sen ningunha ventilación e que mantén unhas temperaturas moi altas de forma constante tanto de noite como de día”.
Explican que dende que a empresa subcontratou a asistencia xeral que ten que atender as instalacións -eliminado postos de traballadores/as de GKN- as instalacións destinadas a reducir a calor están estragadas, sen o mantemento necesario, e mal atendidas.
Tamén denuncian que empresa incumpre a lei ao non dar a información necesaria aos representantes dos traballadores/as sobre o mapa de temperaturas, humidade ou velocidade do aire. “Ademais, colocan os termómetros fóra dos talleres onde están as máquinas e os operarios/as, dando medicións moito máis baixas que as que realmente se sofren nos postos”. Como consecuencia, a empresa crea un clima de traballo precario e insalubre dentro da fábrica ao non velar pola saúde dos traballadores/as.
Diante disto, dende a CIG pregúnstanse se é este o futuro do Plan industrial de GKN-Vigo e se prevalecen máis outros factores que a saúde dos traballadores/as. “O persoal está nunha situación límite e cremos que se isto segue así non desbotamos comezar a mobilizarnos”.
Finalmente, reclámanlle á dirección que “remate con esta deriva de subcontratación e precarización na fábrica que fai empeorar o noso servizo” e que se preocupe por “contar cun sistema de climatización digno da empresa que di ser”.