A CIG en AENA e ENAIRE denuncia o preacordo asinado por CCOO e UGT de costas ao persoal
Representantes da CIG en AENA e ENAIRE anunciaron esta mañá, en rolda de prensa, que iniciarán mobilizacións para evitar a sinatura definitiva do preacordo do convenio pactado por CCOO e UGT de costas ao persoal. Denuncian que impide recuperar o poder adquisitivo perdido, malia os beneficios millonarios da empresa; que mantén diferenzas salariais no mesmo grupo laboral; que non contempla a carreira profesional; que consolida a temporalidade; que non combate as externalizacións ou que non resolve a cada vez menor presenza de mulleres
Foi Pablo de Prado, delegado da CIG dos aeroportos de Galiza, quen denunciou a “falta de democracia” e o “escurantismo” que houbo arredor da sinatura deste preacordo xa que non se fixo nin unha asemblea en ningún aeroporto do Estado Español, nin en ningún aeroporto galego, “nin se informou ao persoal desta negociación, por ningún medio” e que mesmo os delegados de CCOO e UGT “descoñecían que se estaba asinando”.
Fronte a isto lembrou que no anterior Convenio Colectivo, o primeiro que se asinou, informárase ao persoal, fixéranse asembleas e fora referendado polos traballadores e traballadoras. Por iso responsabilizou a CCOO e UGT, mais tamén a USO e CESPA, de ter participado nun “teatrillo negociador” e de “defender os intereses empresariais” máis que os intereses do persoal.
Beneficios millonarios
Respecto do contido, de Prado denunciou ademais que os incrementos salariais son inferiores aos asinados por outras empresas públicas que “mesmo están dando perdas”, cando as subas dos últimos anos xa “non permitiron recuperar o poder adquisitivo perdido nos últimos anos”.
Unha situación que considerou rechamante cando nos últimos tres anos o Grupo Aena Enaire tivo uns beneficios enormes: en 2022 máis de mil millóns de beneficio; en 2023 máis de 1.650 millóns de beneficios e no primeiro trimestre de 2024 máis de 800 millóns de beneficios, o que vén supoñer, afirmou, “un 30% máis que no 2023”.
Xunto a isto apuntou que “nun momento no que se está falando das 37 horas e medias que ía acercarnos ás 35 horas, asínase unha xornada laboral que é claramente superior á doutras empresas públicas”, o que prexudica, sobre todo, ao persoal a quendas, porque non se lle computan as horas de festivos non dominicais, nin o 24 e 31 de decembro. “Aquí é igual que traballes un sábado, un domingo, un festivo”.
Explicou tamén que se mantén unha diferenciación salarial entre traballadores/as que están no mesmo grupo o laboral e que teñen categorías de “junior, medio e experimentado”. “Até que levas seis anos traballando non es experimentado. Vas cobrar menos que o teu compañeiro facendo o mesmo traballo”. Unha diferenza que considerou que era o momento de facer desaparecer, pero que, porén, “continúan mantendo”.
O representante da CIG denunciou ademais que o persoal administrativo, sobre todo o de mañás, segue sen ter definida unha carreira profesional, o que considerou “unha clara discriminación á hora de aumentar o seu salario con respecto a outros colectivos”. E que tampouco se resolve o problema da enorme temporalidade que hai en AENA. Situación que entendeu que tamén era o momento de resolver e que tampouco se contempla neste preacordo.
De Prado rexeitou a creación dunha figura que se chaman RPO (Reforzo Persoal Operativo). Que cualificou de “Cabalo de Troia” e que só afecta o persoal que está a quendas, que pasa a facer o mesmo traballo que o resto de compañeiros pero “con outro salario e outra regulación laboral”. Como rexeitou tamén o sistema de selección do persoal dos grupos A1 e A2, que cualificou de “nepotismo empresarial” porque permite decidir unha contratación “nunha entrevista persoal” e non en función de criterios como “capacidade ou mérito”. Algo que, afirmou, “non se pode permitir en ningunha empresa pública”.
Externalización de servizos
Alertou da cada vez maior externalización de servizos no aeroporto Rosalía de Castro, nun momento que está aumentando o número de pasaxeiros, o que provoca que se siga “baixando a calidade do servizo” e advertiu do estado do vello aeroporto, que “está caendo a cachos”, polo que “un día imos ter un desgusto”.
Pola súa banda, Marta Romero, delgada de PRL no comité de Seguridade e Saúde no aeroporto de Santiago, denunciou que se están recortando e empeorando cada vez máis os postos ocupados por mulleres. “Non hai aumentos salariais, nin doutro tipo de dereitos para o persoal administrativo, que está ocupado sobre todo por mulleres. Están recortando os postos de enfermería e mesmo de informática, ocupados maioritariamente por mulleres van desaparecer en breve”, explicou.
Por iso cualificou á empresa de “machista” mais tamén porque cando un delegado pide información sobre o plan de igualdade, non o levan ou, como demandou a CIG, sobre o rexistro retributivo, “só llo ensinaron a un delegado 15 minutos e aí quitáronllo das mans”. Romero lamentou que “cada vez hai máis homes ocupando os postos de arriba, e cada vez hai menos mulleres, nunha empresa na que a maioría do cadro de persoal son homes” o que cualificou de “vergoña”.
Pola súa banda Juan Manuel González Méndez, representante da CIG no comité do Rosalía de Castro considerou un “lavado de cara” as convocatorias de xuntanzas extraordinarias que están agora convocando CCOO e UGT “para dicirlle á xente que non están para nada de acordo co que firmaron os seus compañeiros en Madrid”. E asegurou que a CIG seguirá atenta ao que suceda e “convocará as concentracións e as manifestacións que fagan falta para ver se conseguimos que non se leve a cabo a firma definitiva do acordo”.