A CIG empraza os Gobernos do PP a dar resposta ás demandas das mulleres
A secretaria das Mulleres da CIG, Margarida Corral, que cualificou este 8 de Marzo de “xornada histórica” tras do enorme éxito dos paros e das mobilizacións convocadas ao longo e ancho do país, empraza aos gobernos do PP en Galiza e no Estado a adoptar todas as medidas necesarias para que as demandas que durante toda esta xornada se fixeron sexan atendidas.
“Estamos á expectativa de cómo vai reaccionar agora a patronal e os gobernos ás nosas demandas. Que teñan en conta que este é o noso requirimento, pero non imos para até que sexamos quen de conseguilo”, afirmou a secretaria das Mulleres, quen advertiu que “agora comeza a conta atrás para o que vai suceder, que definiremos en vindeiras datas. Esta é unha chamada de atención para que saiban que non imos permitir nin máis ataques aos nosos dereitos, nin máis conmemoracións hipócritas”.
Corral recoñeceu que a resposta das galegas superou todas as previsións feitas nestes últimos meses e asegurou que “estamos mesmo sobrepasadas pola resposta das mulleres. Eramos conscientes da capacidade que podiamos ter de mobilizar e conseguir unha importante resposta nas empresas, mais o certo é que a mobilización convocada polo movemento feminista o pasado domingo en Vigo foi un punto de inflexión que serviu como pistoletazo de saída e permitiu que non só pararan as mulleres que conforman a nosa base social, senón tamén que houbera unha resposta inmensa por parte de mozas, estudantes, xubiladas e mulleres que están no fogar”.
A secretaria das Mulleres da CIG tamén puxo o acento na importancia de que se visualizara a centos de miles de mulleres ocupando o espazo público no marco deste paro internacional, no que ao tempo que se tomaban as prazas e as rúas en Galiza tamén o estaban facendo millóns de mulleres no resto do mundo. Un espazo que, lembrou, normalmente ocupan os homes. Iso xunto o feito de que se obrigara a abordar, durante todo este primeiro trimestre do ano “a situación de discriminación que sufrimos as mulleres”. Por iso considerou que este “é o epílogo perfecto para a xornada de reivindicación e de loita que nós pretendiamos”.
Inmenso traballo das compañeiras da CIG
Corral puxo ademais en valor o traballo desenvolvido desde que a central sindical acordou a convocatoria desta folga. Un traballo inxente desenvolvido, na súa meirande parte, só polas mulleres da CIG e situando aos compañeiros nun segundo plano, nun papel só de arroupe e solidariedade, do que asegurou que “chegamos exhaustas a este peche da xornada”.
Neste sentido lembrou a enorme cantidade de asembleas nos centros de traballo, debates e asembleas con delegadas e afiliadas que obrigou á CIG a afrontar esta convocatoria e a propia xornada de hoxe “dun xeito completamente diferente ao que levabamos feito durante toda a historia da central sindical”.
Coller folgos para continuar
A secretaria das Mulleres da CIG concluíu asegurando que a xornada de hoxe serviu para coller folgos para continuar coas nosas reivindicacións o resto do ano e afirmando que “lle pese a quen lle pese, malia todas as críticas er todos os ataques recibidos durante meses por parte dos gobernos do PP, do machismo organizado que representan, das institucións, do patriarcado no poder, fomos quen de facer realidade o soño que tiñamos hai uns meses”.
Milleiros nas manifestacións da tarde
A xornada deste 8 de Marzo rematou con multitudinarias manifestacións en toda Galiza convocadas polo movemento feminista galego, que recupera deste xeito “o espírito co que as traballadoras e revolucionarias” marcaron esta data “como día de loita, logo de anos de ser utilizado como mera conmemoración”.
Iníciase así unha nova senda con esa chamada a facer folga de coidados, laboral e de consumo que xa se avanzou que se repetirá cada ano “até que as mulleres paremos o mundo e o mundo sexa tamén noso”.