A CIG empraza os gobernos a adoptar medidas inmediatas para garantir a actividade e o emprego en Alcoa
A CIG volveu insistir esta mañá, na terceira xuntanza da Comisión de Seguimento en Madrid, na necesidade de que se lle dea máis celeridade á solución, para que volvan arrincar as cubas en Alcoa e emprazou aos gobernos a adoptar medidas inmediatas para garantir a actividade e o emprego na planta da Mariña. Na xuntanza participaron o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, e representantes da CIG do comité, xunto con representantes do Ministerio, da Xunta e de Alcoa.
A CIG fixo un chamamento a Alcoa para que se acelere o proceso de execución dos investimentos a fin de poñer plenamente operativa axiña a planta. Neste sentido insistiron en que o re- arranque das cubas “ten que acelerarse” e consideraron que “isto pasa por que ademais de que poidan callar as iniciativas que están anunciando, que vemos aínda moi teóricas, os gobernos poñan solucións enriba da mesa”.
Lembraron que van xa 2 meses sen que apenas se avanzara e que o prazo vai até o 1 de xaneiro de 2024 e demandaron, por iso, o cumprimento dos calendarios “que deberían ir a máis intensidade nas inversións e mellora das instalacións”. Isto xunto cunha solución enerxética que para a CIG “non pasa só exclusivamente polas PPAs senón tamén por que os gobernos adopten medidas de máis profundidade como as que o sindicato ten proposto para a industria electrointensiva. Máis nun momento como no que estamos actualmente”.
A este respecto, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, cuestiona as insuficientes as medidas adoptadas polo goberno para a industria electrointensiva” e advirte que “seguen sen se aprobar as iniciativas lexislativas necesarias para un abaratamento da enerxía para o conxunto de consumidores e, nomeadamente, para a industria electrointensiva”.
Por iso reclama a creación dun marco enerxético máis xusto, estábel e competitivo e políticas na liña das contempladas pola CIG na proposta dunha tarifa eléctrica galega, ademais dun papel máis activo da Xunta de Galiza porque, lembra “somos excendentarios en enerxía, temos unha nova ofensiva de renovables, mais seguimos sen que os prezos da enerxía revertan no noso país, na nosa industria e da actividade económica”.