A CIG empraza a todas as partes a traballar "a fondo" para lograr que o proxecto industrial saia adiante
A CIG instou a dirección de Liberty House a que actúe con responsabilidade "no lado que lle corresponde" e empraza a todas as partes implicadas no futuro da fábrica de aluminio da Mariña a traballar a fondo para facilitar que a operación de venda sexa un éxito, baixo a premisa de non parar as cubas e manter a totalidade dos empregos.
Na reunión que esta tarde tivo lugar en Madrid coa representación sindical, Liberty House desenvolveu o proxecto xa presentado con anterioridade, dando detalle do seu plan industrial e de cales son os problemas nas negociacións con Alcoa.
Fronte a alternativa da parada das cubas e despedimentos que formula Alcoa, a CIG claramente aposta por un proxecto industrial que garanta a continuidade de todos os postos de traballo, da actividade produtiva e que non supoña parar a electrólise. "Nestes momentos temos enriba da mesa esta opción que propón Liberty House, polo que dende o noso punto de vista, aínda coas reservas e dúbidas que poida xerar, sería imperdoábel que entre todas as partes non foramos quen de lograr que saíra adiante", valorou o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, ao remate do encontro.
Neste senso, Carril critica o boicot de Alcoa a este proceso de venda, dificultando as negociacións co grupo británico e rexeitando todas as posibilidades que se lle formulan "co único obxectivo de xustificar o que leva buscando dende hai meses: o peche do aluminio. Resulta evidente que Alcoa se nega a tomar en consideración esta proposta", advirte. Ante a reunión prevista para este xoves, Carril trasládalle a Alcoa a necesidade de abandonar posturas intransixentes e facilitar unha operación viábel que, ademais, é inevitábel.
Os gobernos deben dar resposta á loita do persoal
O secretario xeral da CIG lembra que abrir a posibilidade dunha venda e chegar a esta fase "só foi posíbel pola unidade de acción, a mobilización continúa e a defensa firme do futuro industrial" levada a cabo nos últimos meses polos traballadores e as traballadoras. Por iso, reclama tamén dos gobernos español e galego que estean a altura e intensifiquen as xestións para dar futuro industrial á comarca da Mariña.
“Resulta preocupante que nin a Xunta nin o Ministerio estean a traballar na busca de solucións ás problemáticas que levan meses enriba da mesa e que non estean aplicándose a fondo para evitar o peche da fábrica de aluminio, a parada das cubas e o despedimento de preto de mil traballadores/as”.
A CIG non renuncia á nacionalización da planta
Neste punto, reitera que, de frustrarse a venda ou resultar nun acordo insuficiente, a CIG non renuncia á nacionalización do complexo de San Cibrao como a saída para garantir a continuidade da produción de aluminio primario en Galiza e de todos os empregos. "Esta é unha opción posíbel e viábel e non hai nada na lexislación, galega, estatal ou europea que impida esta intervención pública, só fai falta vontade política".
Precisamente, esta mañá o BNG levou ao Congreso das deputadas e deputados unha moción sobre medidas para a industrialización en Galiza na que defendeu a posibilidade da nacionalización da fábrica de San Cibrao. Ao seu debate asistiron o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, e Xosé Paleo, delegado da CIG no comité de Alcoa San Cibrao.