A CIG empraza a Alcoa e o Goberno a non perder máis tempo e avanzar no proceso de venda da fábrica
Na reunión da mesa multilateral celebrada esta mañá, a CIG emprazou o Goberno español e a Alcoa a non seguir perdendo o tempo e a axilizar os prazos para o proceso de venta da fábrica. Á central sindical preocúpalle que transcorrido máis de un mes, non se teña realizado outra xestión que o envío por parte da empresa dunha folla cunha proposta de termos para a operación, que a SEPI aínda ten que contestar.
A central entende que os termos nos que negocie a venda teñen que estar claros e responder a unha garantía de futuro para a planta de aluminio, mais pide máis axilidade a todas as partes para avanzar nunha solución definitiva que permita a continuidade industrial e o mantemento de todos os postos de traballo, tanto na principal como nas empresas auxiliares, rematando así coa incerteza permanente na que viven os/as traballadores/as.
Neste senso, a CIG insta os gobernos español e galego a levar a iniciativa en todo momento, comprometendo a Alcoa en cada fase para garantir deste xeito que haxa acordo na operación de venda. Sería intolerábel que as negociacións fracasaran polos condicionantes impostos pola multinacional, tal e como aconteceu o pasado mes de setembro, e que Alcoa puidera aproveitar o transcurso destes meses para afianzar e xustificar o seu plan inicial de parada das cubas, despedimentos e peche da fábrica de aluminio.