A CIG e veciñas/os de Ferrol e da Coruña mobilízanse contra o peche das oficinas de Abanca de Catabois e Monelos
A sección sindical da CIG en Abanca continuou hoxe en Catabois (Ferrol) e no Barrio das Flores (A Coruña) a campaña de mobilizacións para rexeitar o peche de oficinas e a restrición de servizos á clientela por parte da entidade financeira. A protesta contou coa participación de ducias de veciños e veciñas destes barrios que ven como se lles incrementan as comisións ao tempo que son expulsados das súas oficinas e se lle restrinxe o acceso aos servizos financeiros.
A central sindical advirte que os peches e as restricións de servizos en caixa, tanto de horario como das xestións que se poden realizar, forman parte dun plan para dixitalizar a clientela posto en marcha conxuntamente polos bancos, “atentando contra a competencia, sen que houbese actuación por parte da Xunta de Galiza ou do Ministerio de Economía”.
Este proceso de dixitalización forzada, ademais, é o que están a utilizar as entidades para xustificar novos peches de oficinas (que afectan especialmente ás zonas rurais, semiurbanas e a aqueles barrios periféricos que consideran menos rendíbeis) e afondar na destrución de postos de traballo e na precarización das condicións laborais do sector.
No caso de Abanca, como herdeira das Caixas de Aforros Galegas e como primeira entidade financeira galega, debera ter en consideración a propia dispersión xeográfica e o avellentamento da poboación galega “antes de replicar as políticas bancarias deseñadas polos grandes grupos bancarios dende Madrid, unhas políticas impostas que buscan incrementar os beneficios a costa da destrución do emprego e da marxinación financeira”.
Dende a sección sindical da CIG en Abanca adiantan que continuarán a rexeitar na rúa os peches de oficinas previstos pola dirección da entidade financeira, tal e como demanda a veciñanza que participa nas distintas protestas organizadas pola central sindical, porque “está en xogo que territorios cada vez máis amplos do país podan quedar sen servizos financeiros e que a marxinación afecte á poboación con menores ingresos ou a que ten maior dificultade para o uso das novas tecnoloxías”.
Neste senso, CIG-Banca critica a proposta da Xunta de Galiza de subvencionar con diñeiro público a colocación de caixeiros automáticos e a contratación de axentes financeiros nos concellos nos que os bancos pecharon as oficinas. Unha proposta indecente que incentiva os peches de oficinas e polo tanto a destrución de emprego e que xustificará a transferencia de máis recursos públicos a unhas empresas con beneficios multimillonarios, e que son responsábeis de deixar sen servizos financeiros á poboación.