A CIG, e numerosos colectivos agrupados na Coordinadora “Eólica Así Non”, presentou denuncia na Fiscalía para que investigue se a decisión da nova presidenta da Sala do Contencioso-Administrativo, Azucena Recio, de mudar os litixios eólicos da Sección Terceira á Segunda do Contencioso-Administrativo do TSXG puidera ser constitutiva dun delito de prevaricación dos previstos no artigo 446 do Código Penal. A central lembra que este cambio de criterio se comezou a aplicar sen mudar as normas de reparto aprobadas en 2023 e atendendo ao interese expresado pola Xunta de Galiza e empresas do sector eólico nos procesos relativos ás autorizacións de liñas eléctricas.
A denuncia toma como base o auto desestimatorio para a paralización cautelar das autorizacións da liña de evacuación eléctrica Campelo-Mesón ditado pola Sección Segunda do Contencioso-Administrativo do TSXG o pasado mes de abril. Até esa data todos os procedementos de impugnación de autorizacións de liñas eléctricas para a evacuación da enerxía producida polos parques eólicos foran asignados á Sección Terceira, competente en materia de industria.
A CIG e os colectivos que integran a Coordinadora indican que este cambio de Sección, ademais de non atopar sustento en alteración algunha previa das normas de reparto de asuntos aprobadas a finais de 2023, entra abertamente en contradición co rexeitamento previo por parte da Sección Terceira de inhibirse nas súas competencias a favor da Segunda ante as solicitudes formuladas pola Xunta de Galiza e por empresas do sector co-demandadas.
Cambio arbitrario de criterio
Polo tanto, este cambio arbitrario de criterio adoptado pola presidenta da Sala do Contencioso-Administrativo do TSXG sen a aquiescencia da Sección Terceira aplicouse para satisfacer as demandas nese sentido da Xunta de Galiza. O propio Goberno galego, a través da directora xeral de Enerxías Renovábeis e Cambio Climático, Paula Uría, amosou publicamente a súa satisfacción tras o cambio de Sección de procedementos xudiciais precedentes relativos a proxectos eólicos e das súas liñas de evacuación.
Non hai que perder de vista que esta decisión se produce no marco do debate público sobre o actual modelo eólico, no que se confrontan os intereses das promotoras e da administración pública cos dos colectivos en defensa do medio ambiente e do interese público, que en non poucas ocasións teñen acabado en litixios.
Interferencia política nas actuacións da xustiza
A Coordinadora e a CIG consideran inadmisíbel que o Goberno galego pretenda interferir nas actuacións e decisións da Xustiza, co único obxectivo de aplicar sen trabas un modelo de espolio enerxético que só beneficia ás grandes multinacionais, sen ter en conta o impacto social, ambiental e económico destas instalacións e sen procurar que os beneficios desta actividade retornen no desenvolvemento de Galiza.
Neste senso, non deixan de sorprender as duras críticas que o PP lanza no Estado ao Goberno español polas súas presuntas inxerencias nos órganos xudiciais, reivindicando a independencia da xustiza, mentres que en Galiza cuestiona abertamente a aqueles xuíces e xuízas que, actuando conforme a lexislación vixente, poñen en cuestión a política industrial e enerxética de saqueo que promove a Xunta.
Até o momento presentaron escrito de denuncia na Fiscalía unha vintena de colectivos aos que sumarán outras entidades nos vindeiros días.
Xa foron presentados tamén escritos de queixa diante das presidencias do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) e do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) que aínda non recibiron resposta.
Colectivos da Coordinadora que presentaron escrito de acusación na Fiscalía: ADEGA, CIG, SLG, FRUGA, ORGACCMM, ACOUGA, Amigas da Terra, Asociación Vento Libre, Asociación Fonte Seca, Asociación Tarabelada, A.C.I.B.A.L. (Amil Sen Eólicos e Colectivo do Vento), Ortegal Di Non, Asociación de Veciños/as do Couzadoiro, Asociación Lobo, Nova Escola Galega, Amigos do Patrimonio de Castroverde, Asociación Veciñal Agra de Orzán.