A CIG e o UGTSARIO asinan un protocolo de colaboración en favor da causa saharauí
A CIG e a Unión General de Trabajadores de Saguia el Hamra y Río de Oro (UGTSARIO) asinaron onte un protocolo de colaboración e cooperación mutua de catro anos de duración en favor da causa da clase traballadora e do pobo saharauí.
En virtude do acordo as dúas centrais sindicas cooperarán nos eidos político-sindical, técnico, científico, informativo, formativo e cultural, no senso de coñecer e compartir a labor sindical que desenvolve cada unha delas, colaborar en defensa dos dereitos das persoas traballadoras e intercambiar experiencias e información sobre cuestións sindicais internacionais.
Deste xeito, a CIG reafirma o seu compromiso coa prestación de recursos e de axuda ao pobo saharauí e ao propio UGTSARIO (ao que onte lle fixo entrega de 10 caixas de material informático e de oficina), coa loita pola independencia do Sáhara Occidental e coa reclamación do cumprimento das resolucións internacionais para a celebración dun referendo de autodeterminación que recoñeza a República Árabe Saharauí Democrática (RASD).
O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, e o responsábel de Relacións Internacionais, Xosé Lois Rivera, mantiveron unha xuntanza en Vigo cunha delegación integrada polo secretario xeral do UGTSARIO, Salama Bachir, o seu responsábel de Internacional Mani Ahmed Yacub, e o subdelegado do Frente Polisario en Galiza, Magfri.
No encontro abordaron tanto a difícil situación humanitaria nos campamentos de refuxiados en Tinduf (Arxelia), agravada agora polos conflitos bélicos que dificultan a cooperación internacional, como o novo contexto político tras o cambio de postura do Goberno español sobre o Sáhara Occidental e a aposta decidida de Francia por Marrocos.
E como a pesar da existencia de sentenzas de tribunais europeos, a propia Unión Europea segue sen darlles cumprimento no que ten a ver coa explotación dos recursos do Sáhara Occidental. “Tamén se está a denunciar a violencia que sofren os habitantes dos territorios ocupados por Marrocos”.
A CIG comprometeuse a seguir traballando na defensa da causa saharauí nos distintos foros nos que participe, comezando pola apertura dun espazo na vindeira conferencia internacional da OIT que terá lugar en Xenebra en xuño “para que se visualice o conflito e se poidan buscar apoios de cara a esixir o cumprimento das resolucións internacionais e a celebración do referendo de autodeterminación”.
Ao mesmo tempo, as dúas delegacións adiantaron a coordinación do traballo sindical de cara á próxima conferencia EUCOCO, que se celebrará en Lisboa en decembro, e sobre todo para coordinar a organización do II Foro Sindical Internacional que se celebrará nos campamentos de Tinduf en outubro, coincidindo co 50 aniversario da fundación do UGTSARIO.