A CIG e ELA convocan unha concentración no Parlamento galego polo mantemento do poder adquisitivo en Iberdrola

Coincidindo co debate dunha Proposición non de Lei para garantir unha suba salarial mínima conforme a IPC neste tipo de empresas
Nacional - 23 Mar 2026

A CIG e a central vasca ELA veñen de anunciar a convocatoria dunha concentración diante do Parlamento galego este xoves 26 de marzo ás 10:00 horas coincidindo co debate da Proposición non de Lei tramitada polo BNG para obrigar as empresas que operan en Galiza que xestionan grandes concesións e autorizacións administrativas, explotan recursos naturais e reciben subvencións ou bonificacións fiscais a garantir unha subida salarial mínima a IPC “para preservar o poder adquisitivo do persoal e protexer a economía do noso país”.

A iniciativa chega despois da xuntanza mantida en decembro do ano pasado por Fran Puch (CIG) e Gorka López del Corral (ELA) cos portavoces de emprego, enerxía e industria do BNG no Parlamento galego para explicarlles a situación de perda de poder adquisitivo que padecen as persoas traballadoras en Iberdrola. Durante o encontro os representantes sindicais propuxeron unha serie de medidas para solucionar esta problemática, que o BNG incorporou á Proposición non de Lei que se someterá a debate na comisión 3ª de Economía e Orzamentos da Xunta de Galiza. 

A protesta terá lugar este xoves 26 de marzo en Santiago de Compostela ás 10:00 horas 

O obxectivo desta medida é lograr introducir na lexislación a obriga de que as empresas que operen en Galiza que xestionan grandes concesións, autorizacións administrativas, explotan recursos naturais e reciben subvencións ou bonificacións fiscais garantan unha subida salarial mínima conforme ao IPC “para preservar o poder adquisitivo do seu persoal e protexer a economía real do noso territorio”. Tamén se reclama que a Xunta promova ante o Goberno central a extensión desta medida ao conxunto do Estado mediante a reforma da lexislación laboral e de contratación pública correspondente.

De conseguir esta demanda melloraríase a situación salarial doutras 45.000 persoas traballadoras de 150 empresas que operan no noso territorio, segundo datos da Axencia Tributaria e do Instituto Galego de Estatística. Ao tempo que se facilitarían en gran medida as actuais e futuras negociacións colectivas, polo que fan un chamamento ao persoal de Iberdrola a participar na mobilización. “Temos que deixarlle claro aos representantes políticos a nosa disposición a loitar para que tomen nota das nosas reivindicacións e deteñan o abuso e o espolio que sufrimos por parte do equipo directivo da empresa”, rematan.