CIG e CGTP-IN celebran encontro sindical para definir proxectos de colaboración e accións conxuntas
A CIG e o principal sindicato portugués, a CGTP-IN, manterán unha xuntanza bilateral ao máis alto nivel co obxectivo analizar a situación sociolaboral de Galiza e de Portugal e definir proxectos de colaboración e accións conxuntas. O encontro sindical, encabezado polos secretarios xerais das dúas centrais, Paulo Carril e Arménio Carlos, terá lugar en Vigo este xoves 1 e o venres 2 de febreiro.
Durante a reunión de traballo, as delegacións dos dous sindicatos abordarán tamén as principais pautas de actuación sindical a respecto dos retos de futuro que enfronta a clase traballadora dos dous países como consecuencia do proceso de precarización laboral, recortes sociais e empobrecemento derivado das políticas e reformas aplicadas pola Unión Europea e a Troika.
Ademais dos secretarios xerais, as delegacións estarán integradas, no caso galego, pola secretaria confederal de Organización, Susana Méndez, o secretario confederal de Negociación Colectiva, Francisco González Sío, o secretario comarcal de Vigo, Alberto Gonçalves, e o responsábel de Relacións Internacionais, Xosé Lois Rivera.
A delegación da CGTP-IN contará, ademais de co secretario xeral, co membro da Comissão Executiva e responsábel de Relações Internacionais, Augusto Praça, e co membro da Comissão Executiva e coordinador da União de Sindicatos do Porto, Tiago Oliveira.