A CIG do concello de Santiago demanda a rectificación do Correo Gallego por unha información relativa á Banda de Música
Na información publicada polo Correo Gallego o xornal facíase eco, en portada e a catro columnas, dunha denuncia segundo a que existiría un plan do alcalde da capital de Galiza “para fichar de director a Seráns, pareja de la jefa de personal de la CIG en el Concello”.
Diante desta información, Picón, que compareceu o pasado luns en rolda de prensa -acompañado de presidenta da Xunta de Persoal, María Xosé Santos; do presidente do comité, Xabier Ferreiro e de varios delegados dos 12 que ten a CIG no concello-, denunciou que o xornal “publica unhas afirmacións amparándose en fontes solventes que relacionan á xefatura de persoal da CIG cunha manobra para colocar a este funcionario municipal –Seráns- á fronte da banda”. Afirmacións que a central sindical descoñece se foron contrastadas co goberno municipal, pero para as que, afirmou, “temos a certeza de que desde ese medio non se chamou nin á CIG, nin a presidenta da Xunta de Persoal, nin ao funcionario municipal aludido para contrastar a suposta manobra, como exixiría a deontoloxía profesional”.
Por iso, acusou a El Correo Gallego de “intoxicar a base de falsas intencións” co obxectivo de “difamar ao sindicato” e a persoas concretas que pertencen á CIG e anunciou que “sen prexuízo do que decida facer o funcionario interpelado e o goberno municipal, aos que vinculan cun suposto complot para colocalo a fronte da banda, desde a CIG imos dirixirnos ao director de El Correo para que rectifique as difamacións ou actuaremos pola vía xudicial en protección do dereito á honra do sindicato e da presidenta da Xunta de Persoal”.
O delegado da sección sindical da CIG explicou que o dereito á liberdade de prensa ou de opinión “obrigan a ofrecer información contrastada e non poden amparar, escudándose baixo supostas fontes solventes, a publicación do que son claramente difamacións e ataques contra a honra deste sindicato e contra a presidenta da Xunta de Persoal”.
Ademais negou calquera intromisión da CIG nas decisións do goberno municipal en relación coa renovación da dirección da xefatura de área da banda e asegurou “esta sección sindical non ten ningunha intención de inmiscuírse no proceso de selección desta praza, respectando o dereito de calquera persoa que cumpra os requisitos a poder aspirar libremente a desempeñar o cometido”.
A CIG, contraria aos contratos de alta dirección
De feito, lembrou que é de sobras coñecida a oposición da CIG ás xefaturas de área no concello mediante contratos de alta dirección e que mesmo se opuxo a que se creara na Banda de Música un contrato desas características.
Sinalou que a CIG defendeu sempre que a praza de Director/a da Banda fose de funcionario/a por concurso oposición e subliñou que, no seu día, cando se produciu a vacante “amortizouse a praza do cadro de persoal e decidiuse facer un contrato de alta dirección” que non contou co aval da CIG.
Lembrou que se creara unha comisión de selección externa ao concello na que participaron persoeiros do mundo da música da que, matizou “a CIG non participou nin nas bases da convocatoria, nin na comisión de selección”. Unha comisión que, subliñou, escolleu a Seráns de entre os que se presentaron, que foi cesado no 2013 polo goberno municipal do PP presidido por Currás, que convocou un novo proceso de selección “no que tampouco participou a CIG”.
Picón resaltou tamén que nos últimos anos foron cesados no concello uns cantos postos de dirección de área ou xefaturas de servizo e foron nomeados outros. Postos que a CIG cuestionou que se reservaran a libre designación pero que, en todo caso“nunca se opuxo a un cese ou un nomeamento, que son discrecionais”, coa excepción dos postos de Secretario/a e Interventor/a, que son funcionarios de habilitación.
Por iso reiterou a negativa a calquera participación nas tomas de decisión a respecto destes contratos e defendeu novamente que as prazas sexan cubertas con funcionarios/as públicos/as.
Grave situación dos servizos municipais
Alén diso, Xavier Picón, cuestionou a situación na que se atopan, non só a banda senón tamén o resto dos servizos municipais, a consecuencia do mantemento da taxa de reposición na lei orzamentos do Estado e as limitacións ás contratacións temporais aprobadas sucesivamente polos gobernos do PP e PSOE. “Estes partidos amortizaron nos últimos anos máis de 60 das prazas do cadro de persoal, un 10% do total, que é un auténtico ERE encuberto neste concello”.
Unha situación que xa foi exposta na mesa de negociación e pola que demandaron do goberno municipal un plan de xestión que garanta a prestación dos servizos e mesmo evite a súa, nalgún dos casos, desaparición.
Xunto a isto lamentou que ata a data non se recibira, por parte do goberno municipal, ningunha resposta relativa a estas cuestión en xeral nin, en particular, no que respecta á banda de música. “Temos claro que este goberno non ten un proxecto do que quere facer con este servizo”.
En todo caso, denunciou tamén a “hipocrisía”de PP e PSOE que “sendo responsábeis da situación creada se poñen agora á fronte das demandas para recuperar as prazas perdidas”.
Por iso chamou a atención sobre o feito de que agora se centre a atención na cuestión da Banda, estando como están o resto dos servizos municipais e cando “non concorren neste servizo razóns específicas que xustifiquen a relevancia social que se quere dar a esta situación”.
Para Picón, non é casual que apareza agora un movemento de apoio á banda que xusto coincide co remate do contrato da alta dirección deste servizo. Con todo, saudou o nacemento da Asociación de Amigos da Banda e asegurou que “aínda que á data ninguén se puxo en contacto con nós desde esa asociación, esperamos poder iniciar unha estreita colaboración para defender a mellora da calidade deste servizo”.
A sección sindical da CIG lembrou que doutros servizos municipais nos que tamén hai falta de persoal “tamén nos pregan que fagamos un chamamento público para que se promovan asociacións de amigos dos bombeiros, dos traballadores e traballadoras sociais, da brigada de vías e obra ou da policía local”, entre outros.