A CIG detecta vulneración de dereitos no sector de panadarías e pastelarías en Vigo

Presentou varias denuncias na Inspección de Traballo ao detectar persoal sen contrato, con xornadas abusivas e sen respectar os descansos
Vigo - 17 Dec 2025

A FGAMT-CIG de Vigo detectou unha serie de vulneracións de dereitos laborais en distintas panadarías e pastelarías da comarca de Vigo, polo que nos últimos meses presentou até catro denuncias diante da Inspección de Traballo por irregularidades como ter persoal sen contrato e sen dar de alta na Seguridade Social, con xornadas abusivas e sen respectar os descansos semanais mínimos.

“Hai panadarías e pastelarías que a día de hoxe contan con persoas traballadoras sen contrato e sen figurar de alta na Seguridade Social, e noutros casos atopamos persoal obrigado a realizar máis horas das que figuran nos seus contratos e con empresas que non respectan os descansos semanais mínimos”, tal e como sinala o secretario comarcal da FGAMT-CIG de Vigo, Anxo Igrexas. 

A central esíxelle á autoridade laboral que poña en marcha unha campaña fiscalizadora para acabar coas irregularidades e coa fraude á Seguridade Social

No caso do rexistro da xornada laboral, a central sindical tivo coñecemento de que moitas persoas traballadoras non cumpren este requisito legal “e logo hai empresas que manipulan estes rexistros”.

En consecuencia, nos últimos meses a CIG presentou catro denuncias contra outras tantas panadarías e pastelarías diante da autoridade laboral, “sen que a día de hoxe teñamos resolución deste organismo ao respecto”.

“Nalgúns casos son empresas importantes da bisbarra, e outras son reincidentes neste tipo de prácticas. E pensamos que a bo seguro esta situación de vulneración de dereitos laborais dase en moitas máis panadarías e pastelarías da zona”.

Polo que a FGAMT-CIG esíxelle á Inspección que poña en marcha unha campaña fiscalizadora para acabar cunhas irregularidades que supoñen vulneración de dereitos laborais moi graves e que nalgúns casos constitúen unha fraude para a propia Seguridade Social. “Trátase de prácticas que lembran actitudes 'piratas' que xa parecían esquecidas, pero que continúan e que obviamente non imos permitir.

Por último, dende a central sindical fan un chamamento ás persoas traballadoras do sector para que se organicen, loiten e non toleren ningún tipo de abuso e vulneración de dereitos por parte da patronal.