
A CIG desenvolveu unha xornada sobre prevención de riscos nos operativos de extinción de incendios forestais

A CIG realizou este xoves unha xornada técnica sobre a prevención de riscos laborais nos operativos de extinción de incendios que tamén foi un acto de homenaxe ao compañeiro Quique Casanava, axente forestal falecido mentres participaba nos labores de extinción dun incendio no Concello de Guntín no ano 2015.

A xornada, baixo o título “Monte e rural galego, razóns de vida para a prevención de riscos”, tivo lugar no salón de actos da Deputación de Lugo e contou coa colaboración da área de Rural da institución provincial.
No encontro, houbo intervencións de traballadoras e traballadoras, representantes sindicais en saúde laboral e outro persoal técnico especializado en extinción de incendios e enxeñería de montes, e durante o mesmo analizouse a evolución dos incendios e dos riscos ao longo das últimas décadas e as causas dos accidentes en tarefas de extinción ou a situación de axentes e bombeiros/as forestais en relación cos coeficientes redutores e as enfermidades profesionais.

Ao longa da mañá interviñeron Mario Outeiro Iglesias; Dulce María Neira Fraga (do Gabinete de Saúde Laboral da CIG); Antonio Niño Saavedra (da executiva da CIG de Lugo-A Mariña); Manuel Martínez Méndez (bombeiro forestal e delegado de prevención de riscos da CIG no Comité de Seguridade e Saúde de Incendios Forestais da Xunta de Galiza); Fernando Iglesias Rei (doutor Enxeñeiro de Montes); José Antonio Pereiro (sefe da sección de xubilacións do INSS de Lugo); Luis Cháin Galán (Analista UNAP en Castela A Mancha); e Xabier Bruña García (enxeñeiro forestal e delegado da CIG), que foi o encargado de facer as conclusión da xornada.
En memoria de Quique Casanova
Alén da análise técnica, a xornada concibiuse en lembranza de Quique Casanova, axente forestal do Corgo que faleceu en 2015 dun infarto durante a extinción dun incendio en Vilamaior, en Guntín. O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza condenou a Xunta de Galiza pola falta de dilixencia na aplicación das medidas preventivas que terían evitado a súa morte.