Nova xornada de loita da CIG por unha suba salarial real no sector bancario
A federación de Banca da CIG continúa coa súa campaña de mobilizacións en demanda dunha suba salarial real que compense a constante perda de poder adquisitivo do persoal do sector. Hoxe tocoulle a quenda ás principais entidades da cidade de Pontevedra, nas que delegados/as sindicais desenvolveron concentracións ao longo de toda a mañá.
Dende a central sindical lembran que os prezos en Galiza subiron un 13,6% en 2021 e 2022, “mentres que os salarios dos traballadores/as do sector bancario incrementáronse só un 0,25% e un 1%. “Sen cobrar atrasos nin actualizar táboas é un recorte para hoxe, pero que se consolida para o resto da vida, e que afecta aos soldos e ás cotizacións”. Neste senso, sosteñen que a suba extraordinaria para o ano 2023 é incompleta, “ademais xa veremos a evolución dos prezos, por iso retomamos as mobilizacións”.
Sosteñen que a perda do salario base foi do 12,35% atendendo ao IPC, “que non é un indicador fiábel”. A isto hai que engadirlle o resto de complementos que tampouco se actualizaron. “Ante a suba do prezo dos combustíbeis -e o remate das axudas públicas para a súa adquisición- e dos alimentos os pequenos incrementos son insuficientes”.
Por iso cualifican de “esmola en pleno proceso de eleccións sindicais”o ofrecido até o de agora polos bancos, “que pretenden impedir que os sindicatos que lles aceptan os despedimentos e os rescates se desfonden polo voto de castigo”.
Beneficios multimillonarios
Fronte a isto, a CIG-banca non dá por bo ter perdido o 12,35% do salario e que esta perda se consolide en táboas, afectando tamén ás cotizacións á Seguridade Social. “Nun momento no que os bancos anuncian beneficios multimillonarios e dividendos históricos nada xustifica que nos recorten os soldos, que decidan que nós e as nosas familias vivamos peor que hai dous anos”.
Por iso a central sindical botouse de novo á rúa para reclamar unha vez máis que se soben os prezos teñen que subir os salarios. “O convenio de Banca estaba asinado, conseguimos que se reabrira a negociación e debemos incrementar a presión para que se volva a reabrir de verdade, porque temos dereito a manter o noso nivel de vida, que a avaricia non nos condene a que vivamos peor nós e as nosas familias”.