A CIG denunciará na Inspección as irregularidades na contratación en Transportes Sesé
Cando Transportes Sesé se fixo coa distribución de Begano (a envasadora de Coca-Cola na Coruña) xa se producira un conflito no sector, pois na práctica supuxo o desmantelamento da rede de transportistas autónomos e de pequenas empresas que operaban a nivel local, que non poden facer fronte ás condicións e prácticas impostas dende esta e outras grandes compañías de transporte.
Daquela, Transportes Sesé adquirira o compromiso de contratar ao persoal por un período de un ano e despois converter estes contratos en indefinidos. Porén, subliña o responsábel de Transportes da CIG, Xesús Pastoriza, “o que está a facer a empresa é contratar a xente por un ano e despois mandalos para a casa de xeito barato”.
Pastoriza denuncia que esta situación é unha fraude, porque os contratos non teñen carácter temporal, senón que a actividade que se desenvolve é permanente e polo tanto “dende o primeiro momento –quitado o período de proba- deberían ser contratos indefinidos”.
O sindicalista advirte que con esta elevadísima rotación, Transportes Sesé busca evitar que os traballadores/as adquiran dereitos e poidan reclamar mellores condicións. Neste senso, responsabiliza tamén a Begano desta situación, xa que ao contratar a distribución a unha gran compañía de fóra, facilitou primeiro a destrución do sector local do transporte “e agora permite que Transportes Sesé precarice as condicións laborais dos traballadores/as”.
A CIG vai denunciar diante da Inspección de Traballo estas irregularidades na contratación e non descarta iniciar unha rolda de contactos institucionais para trasladar a problemática do sector.