A CIG denunciará na Inspección a Medio Rural e a TRAGSA pola morte dun veterinario mentres realizaba o saneamento gandeiro
As condicións de seguridade e saúde nas que o persoal veterinario que realiza as campañas de saneamento gandeiro -que a Consellaría do Medio Rural ten encomendo ano tras ano á empresa pública TRAGSA- “son absolutamente deficientes”. Así o denuncia a CIG-Administración que responsabiliza a Administración galega e a empresa pola morte este xoves dun veterinario na provincia de Lugo mentres estaba realizando o seu traballo. A central traslada o seu pesar e apoio á familia do traballador e está a recompilar toda a información para presentar denuncia na Inspección de Traballo “porque este fatal accidente laboral ten responsábeis e deben responder polos seus actos e pola omisión das súas responsabilidades”.
Xornadas maratonianas, lotes semanais de número de reses a sanear imposíbeis de sacar adiante en condicións seguras, sen nin sequera dispoñer de mangas para a suxeición dos animais, e a obriga de ter que realizar o traballo unha persoa soa, son algunhas das condicións nas que o persoal veterinario ten que desenvolver o seu labor.
As equipas de traballo pasaron de 2 a 1 persoas para aforrar custes
A este respecto, Gerardo Alvaredo, da Executiva da CIG-Administración, lembra que hai anos o saneamento gandeiro era realizado por dúas persoas, “pero os dirixentes políticos da Xunta de Galiza, en conivencia cos xestores da empresa pública TRAGSA e da súa filial TRAGSATEC, -que tamén son nomeados polos dirixentes políticos da Administración xa que é unha empresa pública-, decidiron que ían aforrar custos a conta da seguridade das traballadoras e dos traballadores, ou incluso da súa vida como nesta ocasión, e obrigaron o persoal a realizar en solitario os labores que antes facían en equipos de dúas persoas”.
Engade que estas condicións laborais, xunto coa presión que se exerce dende a empresa para que se execute unha carga de traballo “allea ao razoábel, trae como consecuencia que unha persoa como este compañeiro que onte perdeu a vida, despois de levar un golpe na cabeza propinado polo animal que estaba saneando, no lugar de tomar consciencia da gravidade do golpe recibido, pecha primeiro os datos do lote que estaba realizando. Só despois lle foi posíbel atender as súas lesións. Isto exemplifica claramente a presión á que están sometidas estas persoas veterinarias que realizan o saneamento gandeiro da Xunta de Galiza”.
Unha encomenda adxudicada a TRAGSATEC por máis de 7 millóns
A CIG critica que sexa unha Administración pública a que fomente este explotación laboral, e que dende a Consellaría non se tiveran tomado medidas para garantir a seguridade e saúde dos traballadores e traballadoras e se exercera a necesaria coordinación de actividades que como administración ten que cumprir, malia coñecer as “intolerábeis situacións de risco que padecen diariamente no desenvolvemento destes traballos".
Hai que subliñar que a Xunta de Galiza, a través da consellaría do Medio Rural, encomendou á empresa pública TRAGSATEC a realización dos programas de sanidade e produción animal para o ano 2020 por 7.225.038,39 € . “Pero hoxe, por desgraza, sabemos cales son as consecuencias”.