A CIG denuncia unha “caza de bruxas” en Correos
Ante a grave decisión de Correos de suspender de emprego e soldo a unha carteira de Boiro a CIG asegura que ela fixo correctamente o seu traballo en base á normativa postal tal e como indica o RD 1829/1999. Denuncia que se trata dunha sanción inxusta e que nin sequera se lle deu a oportunidade a traballadora de alegar no seu favor.
A CIG denuncia que Correos aplicou unha sanción de suspensión de emprego e soldo a unha traballadora do servizo de reparto de Boiro logo da denuncia dunha cooperativa e en base a presuntos informes terxiversados do concello de Boiro e da propia unidade de reparto de Correos. Informes segundo os que esta traballadora tería incorrido nunha falta por non entregar unhas notificacións a esta cooperativa.
Fronte a isto a CIG adianta que presentará informes periciais e testemuñais que demostrarán que esta traballadora fixo correctamente o seu traballo. Anxo Álvarez, representante de CIG-Correos denuncia que estamos diante dun caso que é “unha auténtica caza de bruxas” e que “ao mellor esta traballadora está pagando as consecuencias dun caso de mala praxe que se produciu recentemente en Fene”.
Álvarez considera moi grave que a esta traballadora non se lle dera sequera a oportunidade de alegar nada na súa defensa como sería preceptivo nun estado de dereito. Por iso anuncia que a central sindical vai solicitar copia de todo o expediente e, en caso de atopar algún documento que non se corresponda coa realidade poñerao en coñecemento da fiscalía anticorrupción e da Delegación do Goberno en Galiza.