A CIG denuncia un novo peche do parque de bombeiros de Coruxo por falta de persoal
A CIG denuncia que a falta de persoal no servizo de extinción de incendios do Concello de Vigo está a provocar novos peches dos parques de bombeiros. Nesta ocasión o afectado é novamente o da zona de Coruxo, que xa estivo inoperativo en varias ocasións nas últimas dúas semanas.
Segundo explican dende a central, a instalación permanece clausurada dende as 22:00 horas de onte xoves 4 de xullo até as 22:00 horas de hoxe venres 5 de xullo por falta de persoal, xa que no día de hoxe o servizo conta apenas con 12 dos 21 efectivos establecidos legalmente polo propio Concello de Vigo.
Este novo peche do parque de Coruxo amplía unha vez máis os tempos de resposta ante calquera incidencia, tanto na zona de influencia das instalacións como en toda a cidade. “Alén disto, é máis que evidente tamén a redución do número de efectivos para poder atender a diferentes sinistros, sobre todo dentro dun posíbel contexto de simultaneidade”.
Dende a CIG censuran unha vez máis “irresponsabilidade” do Goberno municipal, “que non está a abordar coa dilixencia necesaria a precaria situación na que se atopa o servizo de extinción de incendios”. E lembran que as bases da oferta de emprego dos anos 2020, 2021 e 2022 continúan á espera de seren publicadas, “e tampouco se sabe nada da data das oposicións”.
Diante disto, demandan que dunha vez por todas o Goberno municipal, co seu alcalde á cabeza, “se poña mans á obra canto antes para resolver de xeito urxente un gravísimo problema que compromete a seguridade da cidadanía e dos propios integrantes do servizo”.