A CIG denuncia un “golpe de estado” contra os dereitos do persoal da construción de Pontevedra
A CIG denuncia que a anulación do convenio da construción da provincia de Pontevedra por parte do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) tras a demanda presentada pola patronal estatal supón “un auténtico golpe de estado” contra os dereitos do persoal pontevedrés do sector e censura que o empresariado pretenda impoñer, coa complicidade de CCOO e UGT, un marco estatal que empeora as condicións salariais e laborais.
Na central sindical lamentan que tanto a patronal estatal como os sindicatos CCOO e UGT estean na dinámica de boicotear ou entorpecer as melloras que se acadan no noso país, intentando impoñer o que se pacta en Madrid “aínda que supoña unhas condicións miserentas que empobrecen o persoal do sector a nivel provincial como vén se suceder”, tal e como sinala o secretario nacional da CIG-Construción, Plácido Valencia.
“Agora celebran esta decisión xudicial porque parece que lle vai moi ben así, aínda que os traballadores/as non vexan aumentados os seus salarios na porcentaxe que como mínimo se debera aplicar nin poidan gozar das melloras pactadas”. O responsábel sindical considera “escandaloso” que CCOO e UGT a nivel galego se dediquen a “facer apoloxía” do empeoramento das condicións de traballo e da perda de dereitos do persoal pontevedrés. “Emprazámolos a tomar todas as medidas que sexan necesarias, incluída a folga, para facer valer e defender as melloras e os dereitos que contempla o convenio provincial de Pontevedra e que a patronal de Madrid non respecta e anula”.
Ao mesmo tempo, fai fincapé en que “chama a atención que critiquen máis a CIG que a patronal responsábel desta situación” e que non se opoñan á “antidemocrática estrutura” da negociación colectiva que impón o marco estatal por riba do galego e do provincial “prexudicando os nosos dereitos como traballadores/as”.
Melloras laborais
Cabe lembrar que o convenio da construción de Pontevedra entrou en vigor unha vez foi publicado no Boletín Oficial da Provincia o pasado 9 de xuño tras ser asinado en maio pola asociación empresarial do sector e a CIG-Construción, que conta coa maioría absoluta na mesa de negociación. Pouco despois a patronal estatal, en contra da propia patronal provincial, anunciaba a súa intención de presentar recurso xudicial contra o convenio, como xa acontecerá hai cinco anos co anterior acordo. Mais a central sindical non participou no xuízo por non ter chegado a tempo a notificación.
O acordo incorporaba unha serie de melloras laborais, incluíndo unha reivindicación histórica do sector como a xornada intensiva de mañá no verán, neste caso durante o mes de xullo. Mais tamén o complemento de IT por enfermidade común; o complemento por discapacidade, que marcaba distintas contías segundo o grao; as licenzas; ou as indemnizacións por despido no sector de conservación de estradas e vías férreas. Ademais, establecía unha suba de soldos do 4,75% para 2022 e do 3% para 2023, con cláusula de revisión salarial a IPC.