A CIG denuncia servizos mínimos abusivos e mal organizados na xornada de folga das traballadoras do SAF de Santiago
Traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar do concello de Santiago mobilizáronse desde primeira hora da mañá, nesta xornada de folga, diante do Pazo de Raxoi, onde se celebraba o pleno municipal. A mediodía trasladaron as súas protestas a Área Central, onde están as oficinas da empresa concesionaria do Servizo, SERVISAR. Demandan que o concello actúe e obrigue á empresa a cumprir o convenio, porque aínda non se lles actualizaron os salarios co IPC de 2021-2022; que se estabeleza unha zonificación para reducir distancias; fichaxe personalizada e que haxa un coordinador/a de referencia por zona.
As traballadoras deste servizo, esencial para atender ás persoas maiores dependentes que viven na capital de Galiza, desenvolven o seu traballo nunhas condicións de precariedade insostibles. Denuncian que os seus salarios brutos non chegan ao SMI e que, aínda por riba, a empresa, do grupo DomusVi, negouse a actualizalos conforme á suba do IPC de 2021 e 2022, tal e como está recollido no convenio.
Antes de se chegar á convocatoria desta xornada de folga, o comité intentou, sen éxito, buscar a mediación do concello, que eludiu a súa responsabilidade e que, lonxe de garantir que se cumpran as condicións laborais nun servizo que é municipal, aínda que o desenvolva Servisar, deixou ás traballadoras soas diante da empresa. Traballadoras que son, ademais, as únicas de toda a comarca á que se lles adebedan os incrementos.
Servizos mínimos abusivos
Aínda que o seguimento da folga é total, porque foron, de feito, as propias traballadoras quen acordaron esta convocatoria, hoxe sofren, ademais do abuso laboral cotiá, uns servizos mínimos “abusivos e mal organizados” que impiden a todas as compañeiras participar nas protestas para reivindicar, non só melloras laborais, senón tamén o recoñecemento social e a valorización que merecen os traballos de coidados.
Elas atribúen a decisión de DomusVi, que si actualizou os salarios das auxiliares do SAF de Vigo, do que tamén ten a concesión, a teren votado en contra do convenio que tiñan preasinado CCOO e UGT coa patronal. Un convenio contra o que a CIG convocou unha folga porque, entre outras cuestións, establecía dúas táboas salariais diferentes e porque non contemplaba incrementos atendendo ao IPC.
As protestas das traballadoras e as votacións en contra da sinatura definitiva dese convenio, mesmo das súas afiliadas, foron as que obrigaron a CCOO e UGT a desbotar finalmente asinalo.
Quilómetros polo concello no seu coche particular
As auxiliares de axuda no fogar teñen que percorrer quilómetros e quilómetros diarios, nos seus coches particulares, para ir de casa en casa a atender as usuarias e usuarios. Denuncian que ninguén compensa os gastos derivados do uso dos seus vehículos mais tamén a mala organización dun servizo no que non son poucas as veces que se cruzan entre elas nos traxectos. Por iso piden que se zonifique evitando así desprazamentos innecesarios e aproveitando ese tempo de desprazamento para mellorar a atención.
Canda isto reclaman a personalización da fichaxe e que esa xornada teña sempre o mesmo horario para cada traballadora, como marca o convenio e exixe a lei, porque, do contrario, é imposible conciliar.
Hoxe nos seus cánticos, apuntaban á responsabilidade do propio alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, pola situación do SAF. E esta xornada de folga non será a última de mobilizacións porque tal e como avanzaban na rolda de prensa que deron a semana pasada, a súa intención é acompañalo en todos os actos públicos que teña para cer se así atende ás súas demandas.