A CIG denuncia “sectarismo” na súa exclusión “intencionada” como poñente no “Congreso Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo”

Dirixiuse á Directora do INNST para trasladar o seu malestar por este “despropósito”, exixindo que se realicen as xestións necesarias para a súa inclusión
Nacional - 29 Out 2024

A CIG vén de dirixirse á Directora do Instituto de Seguridade e Saúde no Traballo (INNST), Aitana Gari, así como as máximas responsabesi do Ministerio de Traballo, para exixir que se realicen as xestións necesarias para que a central sindical sexa incluída como poñente, en exercicio da súa representatividade, no Congreso Nacional de Seguridade e Saúde no traballo.

O Congreso Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo celebrarase os vindeiros días 6 e 7 de novembro no PALEXCO da Coruña, dentro do marco do primeiro Plan de Acción da  Estratexia Española de Seguridade e Saúde no Traballo 2023-2027.

Con este motivo a Dirección do ISSGA contactaba coa CIG para convidala a asistir aos actos do Congreso e remitía o programa previsto para eses días. Entre as distintas mesas figura unha mesa de interlocutores sociais coa temática: “O diálogo social e a participación institucional: falamos de cuestións clave con axentes sociais”, na que os poñentes son entre outros, representantes dos sindicatos CCOO e UGT.

Diante disto a CIG denuncia a “manifesta e intencionada exclusión desta mesa da Confederación  Intersindical Galega” malia “ostentar a mesma condición legal de representatividade, a nivel Estatal, tal e como nos atribúe a Lei Orgánica de Liberdade Sindical, así como importantes e concluíntes sentenzas xudiciais”.

Lembra ademais que é, non só a organización máis representativa de Galiza, senón tamén a maioritaria e con maior nivel de representatividade. Por iso considera “a todas luces inxustificable, tendenciosa e mal intencionada a nosa exclusión de dita mesa, na que sen dúbida teriamos moito que aportar” e un “despropósito e unha falta de equidade e ponderación, cando non  puro sectarismo” a súa exclusión, máis cando se celebra no noso País.

Denuncia, protestas e reclamacións

Por iso, no exercicio da súa representatividade e tamén como membros de pleno dereito do INSST e da CNSST, institucións que promoven este Congreso, solicita da Dirección deste Instituto e do Ministerio de Traballo que proceda de inmediato a realizar todas as xestións necesarias para incluír de facto á CIG como poñente desa mesa de interlocutores sociais. Advirte que, “de non producirse esta inclusión e persistir na inxustificable marxinación da nosa organización, desde a CIG reservámonos o noso dereito para levar adiante todas as accións de denuncia, protestas e reclamacións que consideremos oportunas.