A CIG denuncia que os helicópteros do 061 seguen sen cumprir o horario do contrato
A CIG-Saúde advirte que, a pesar das denuncias do sindicato e das iniciativas parlamentares, a Xunta segue sen solucionar os incumprimentos horarios do servizo de transporte sanitario aéreo do 061. Cómpre lembrar que o contrato formalizado ente a Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia 061 e Eliance Global Services, S.L, empresa concesionaria do servizo dende 2019, estabelece que o período de servizo será todos os días do ano de orto a ocaso.
Dende o 19 de marzo o período entre a saída e a posta do sol supera as 12 horas de luz, pero o servizo só se presta durante 12 horas pola falta de pilotos para cubrir todo o horario do contrato. Mañá xoves, 6 de abril, as horas de día serán 13, e polo tanto haberá unha hora na que o helicóptero non estará operativo cando si debería estalo por contrato.
Co agravante, ademais, de estarmos nun período como a semana santa no que se produce un elevado número de desprazamentos e unha grande afluencia de visitas, e polo tanto hai maiores riscos de que se produza unha emerxencia.
A CIG, a través do BNG, levou este flagrante incumprimento ao Parlamento galego, pero lonxe de asumir responsabilidades e resolver o problema, a dirección do 061 non informa do que está a pasar e limitase a asegurar a través dos medios de comunicación que a actuación da empresa é correcta e conforme ao contrato.
Porén, a CIG tivo constancia de que nestes días xa houbo máis dun servizo que non se puido realizar co helicóptero por non ter pilotos e foi preciso recorrer a outros recursos con peores tempos de resposta.
O incumprimento nos tempos de atención e no número de pilotos, apunta a CIG-Saúde, afecta tanto ao helicóptero con base en Santiago de Compostela como ao que ten base en Ourense, "e constitúe un prexuízo para as e os usuarios do Servizo Galego de Saúde, que quedan privados deste medio de atención ás emerxencias nas últimas horas do día, cando a administración galega si está pagando por esta prestación".