Os fondos europeos de "adaptación á globalización" son a coartada perfecta para ocultar o desmantelamento industrial de Galiza
A CIG denuncia que o Fondo Europeo de Adaptación á Globalización para Traballadores Despedidos (FEAG) é a “coartada perfecta” da UE, do Estado español e da Xunta para “ocultar” o desmantelamento industrial de Galiza. Unha representación da central mantivo hoxe unha xuntanza co secretario xeral de Emprego para abordar os detalles da aplicación dun instrumento que, “lonxe de resolver os problemas estruturais do emprego industrial no noso país, evidencia o fracaso absoluto das políticas industriais autonómicas”, tal e como sinala o secretario confederal de Negociación Colectiva, Emprego e Industria da CIG, Paco Sío.
Tras a reunión o responsábel sindical asegurou que “o FEAG non é máis ca un instrumento para xestionar os danos da errática estratexia industrial da UE, da política estatal que anuncia investimentos mentres abandona a industria galega e dun Goberno galego pusilánime, sen capacidade nin vontade para defender o emprego e o futuro produtivo do país”. Para a CIG, mentres Bruxelas impón unha transición mal planificada, Madrid reparte os fondos en función dos intereses das transnacionais e a Xunta acepta sen oposición o papel secundario de Galiza. “A clase traballadora é quen paga as consecuencias en forma de despedimentos, precariedade e emigración”, lamentou.
Sío lembrou que este Fondo naceu para atender situacións excepcionais derivadas de reestruturacións empresariais, “mais no caso galego estase a converter nun parche para xestionar as consecuencias dunha estratexia industrial inexistente. Galiza non sofre perdas de postos de traballo puntuais, senón unha emerxencia industrial sostida no tempo, especialmente no sector da automoción, clave para o emprego e o PIB do país”.
A CIG leva anos advertindo sobre as consecuencias de que non exista unha política industrial propia en Galiza. “Na actualidade é o consello de administración de Stellantis o que decide a política do automóbil, mentres a Xunta actúa como simple correa de transmisión dos seus intereses, aceptando deslocalizacións, perda de carga de traballo e precarización laboral sen esixir contrapartidas reais en emprego nin en investimentos”.
Un exemplo claro desta “submisión” é o reparto profundamente inxusto dos fondos PERTE VEC, vinculados aos fondos Next Generation. Mentres outras comunidades, e mesmo Portugal, aseguran xigafactorías, novas plantas e investimentos estratéxicos, “o noso país queda na cola, con apenas 105 millóns de euros, dos que pouco máis de 56 van destinados á planta de Vigo. E a Xunta asumiu sen oposición que Stellantis aposte por Zaragoza ou Mangualde en detrimento da automoción viguesa e da súa industria auxiliar”.
Especialmente grave é a incapacidade da Xunta para garantir a instalación dunha planta de baterías eléctricas aquí, unha infraestrutura “absolutamente estratéxica” sen a que o sector galego da automoción queda fóra do futuro do vehículo eléctrico. “Esta falta de planificación pon en perigo milleiros de postos de traballo e aboca a industria galega a unha reconversión salvaxe”.
Modelo alternativo
A CIG tamén denunciou na reunión de hoxe o desleixo institucional e a falta de respecto da Xunta cara ao sindicato maioritario de Galiza, “que leva anos facendo propostas serias e fundamentadas para o sector da automoción, recibindo como resposta sistemática o silencio, mentres se escuda nun suposto diálogo social con CCOO e UGT que se ten convertido nun mecanismo para excluír os sindicatos combativos e neutralizar a defensa real da clase traballadora”.
O noso país non precisa fondos de adaptación á globalización, senón unha política industrial propia
Este modelo de diálogo social non serve para garantir emprego nin dereitos, senón para lexitimar decisións xa tomadas polos consellos de administración das transnacionais. Proba diso é que nin unha soa das propostas da CIG foi incorporada aos plans industriais da Xunta, malia representar a maioría das persoas traballadoras do sector.
A realidade é incontestábel: menos empresas, menos emprego, máis precariedade, máis ritmos de traballo e máis beneficios empresariais, mentres os salarios perden poder adquisitivo e a Xunta responde con fondos europeos pensados para xestionar o desemprego, non para evitalo.
Dende a CIG reiteran que Galiza non precisa fondos de adaptación á globalización, senón unha política industrial propia, ambiciosa e ao servizo do país e da clase traballadora. Sen investimento público, sen control das axudas, sen compromiso de mantemento do emprego e sen soberanía nas decisións estratéxicas, “o FEAG será apenas outro parche nun proceso de empobrecemento planificado”.
Polo que a central sindical continuará a defender un modelo alternativo baseado nun plan industrial galego, na instalación de novas industrias, na fabricación de compoñentes do vehículo eléctrico, nunha tarifa eléctrica galega e nun marco galego de relacións laborais que poña fin á precariedade e á emigración da clase traballadora.