A CIG denuncia que o Sergas traslada a Sanxenxo unha ambulancia medicalizada con base no hospital do Salnés
A FGAMT-CIG de Pontevedra denuncia que o Sergas vén de trasladar unha ambulancia medicalizada, de soporte vital avanzado (SVA), con base no hospital do Salnés para cubrir o aumento de poboación durante o verán na zona de Sanxenxo e Portonovo. Dende a central sindical advirten de que esta decisión aumentará os tempos de resposta, empeorando a asistencia sanitaria da veciñanza da comarca, sobre todo no que ten que ver con urxencias graves.
O vehículo de emerxencias comezou a operar esta mesma mañá, ás 9:00 horas, dende a base do centro de saúde de Silgar, e para xustificar o traslado o Sergas dotará a comarca do Salnés dunha ambulancia de soporte vital básico (SVB) unicamente durante 12 horas ao día.
Dende a FGAMT-CIG lembran que até hai dous anos por estas datas asignábase a maiores do que xa había unha medicalizada para a zona de Sanxenxo-Portonovo co obxectivo de cubrir o aumento de poboación estival. E tras unha unha reclamación histórica de diversos colectivos, no novo concurso de ambulancias dotou o hospital do Salnés dunha medicalizada low cost, con menos persoal, “pero que cubre os servizos da comarca como fan outras SVA noutras zonas”.
Neste senso, fan fincapé en que a pesares da deficiencia de persoal esta unidade realiza unha media de servizos que xustificada sobradamente a súa implantación no Salnés, “cuns tempos de resposta eficientes e atendendo unha alta porcentaxe de servizos como infartos e accidentes de tráfico”.
Criterios económicos
Por iso lamentan que co traslado da SVA, “co que o Sergas pretende aforrar cartos evitando ter que poñer un vehículo a maiores como fixo até o de agora”, os tempos de resposta increméntanse notablemente, polo que a maioría das veces a ambulancia non se activa para as zona de Vilagarcía, Vilanova, Catoira, Caldas, Meis, A Illa ou Cambados.
O traslado faise para contentar a turistas 'amigos'
“O tempo medio dun servizo dende o hospital do Salnés até Vilagarcía é de oito minutos, pero dende Sanxenxo ampliaríase a 30 minutos; dende a Illa de Arousa até o hospital do Salnés é de 16 minutos, que se elevan aos 35 dende Sanxenxo; estes tempos ampliaríanse aínda máis dende concellos como Caldas e Catoira, que pasarían dos 10 e 15 minutos a 40 e 50, respectivamente”.
Ao mesmo tempo inciden en que ao tratarse de servizos que na súa maioría son tempodependentes, o traslado da SVA prexudicará a calidade asistencial, e polo tanto a saúde do conxunto da veciñanza destes concellos. “Non estamos en contra de que Sanxenxo e Portonovo teñan unha ambulancia medicalizada en época estival, o que rexeitamos é que se lles saque á veciñanza e aos turistas do Salnés para poñerlla aos turistas VIP”.
Diante disto, o secretario comarcal da FGAMT-CIG de Pontevedra, Xavier Aboi, carga contra a política sanitaria da Xunta, á que acusa de “despreocuparse” dunha das zonas máis turísticas do país como o Salnés, “tomando unha decisión que non se fai en base a criterios sanitarios senón económicos e para contentar a turistas 'amigos' que veñen a Sanxenxo e Portonovo”.